Familiares de vítimas do naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, volveron pedir esta sexta feira axuda a empresas privadas para que lles presten un barco co que ir até o lugar do suceso e poder baixar ao pecio.
Nun acto convocado polas familias ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra, Kevin González, fillo dun dos falecidos, foi o encargado de ler un manifesto. Así, solicitaron a empresas privadas, particulares "ou xente boa deste país ou doutros" que lles presten un buque co que poder levar o material preciso a Terranova (Canadá) para obter probas baixando ao barco afundido.
González lembrou que unha empresa de Noruega xa se comprometeu a cederlles gratuitamente un sónar e un robot para baixar ao pecio, mentres que a Xunta ofreceu traer ese material a España.
"O único que nos fai falta é un buque que poida tardar entre 15, 20 ou 30 días en realizar a viaxe de ida e de volta e as operacións de busca. Xa que o Goberno de España non o fai, solicitamos a empresas privadas, a particulares e a xente boa deste país ou doutros que nos axuden", subliñou Kevin González ante os medios.
Os familiares das vítimas do Vila de Pitanxo volveron cargar contra o Executivo de Pedro Sánchez, xa que o presidente, días despois do naufraxio, dixo que faría "o posíbel e o imposíbel". Con todo, agora o Goberno negouse a baixar ao pecio a investigar as causas dos sucedido a non ser que o solicite un xuíz ou a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que está a investigar o sinistro.
"Xa non fai falta un robot. Xa non fai falta o sónar de varrido lateral. Xa o temos. Xa non hai que gastar ese diñeiro. Xa non fai falta ir buscalo a ningún lado, porque a Xunta o freta. Só fainos falta un barco, que ás arcas do Estado suponlle ben pouco", reivindicou.
As familias lembraron que pasaron xa máis de cinco meses desde a traxedia. Cinco meses nos que Sánchez "non cumpre o seu compromiso". Aliás, aseguraron que é "obriga" do Goberno investigar o naufraxio, "tal como recolle o ordenamento xurídico español".
"Non imos cansar, pasen 1, 2, 9 ou 28 anos"
"A quen trata de defender, presidente Sánchez? Que saiba vostede que se está a tratar de ocultar algo e se está a tratar de defender a alguén, non o vai a conseguir, porque as 21 familias non imos cansar. Pasen 1, 2, 9 ou 28 anos", sentenciou Kevin González.