As novas medidas da Xunta xa están en Vigor: Un paquete insuficiente

Control de mobilidade na contorna de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A decisión da Xunta de endurecer as restricións fronte ao avance da pandemia chegan para frear a transmisión do virus nun contexto de debilidade do sistema sanitario e sen medidas de prevención previas.

Desde a pasada medianoite rexen novas restricións en 60 concellos da Galiza. O paquete de medidas aprobado pola Xunta afecta as sete cidades principais do territorio e as súas áreas de influencia, ademais doutros municipios cunha alta incidencia da Covid-19. 

Seguindo as recomendacións do comité clínico de expertos que observa a evolución da pandemia no país, o Goberno galego defende a necesidade de ampliar e endurecer as limitacións naquelas áreas cunha "situación sanitaria máis desfavorable", unha decisión que finalmente atinxe a perto de 60% da poboación galega.

Concellos fechados 

Durante as próximas semanas estará en vigor o fechamento perimetral dos municipios afectados, que limita a entrada e a saída das persoas dos seus contornos; a suspensión da actividade hostaleira, salvo para os servizos de entrega a domicilio e recollida no local; mais a prohibición de xuntanzas con non conviventes. Unhas medidas, que no resto do país adoptan formas menos restritivas dentro da contención ordenada pola Administración galega co  obxectivo de "conter a irradiación" e "controlar a transmisión" do coronavirus.

Solucións parciais

"Son medidas que pretenden influír sobre a evolución da pandemia. Dunha banda, aspiran a limitar o contacto entre persoas e concentración de xente en espazos comúns, co obxectivo de  rebaixar a transmisión do virus; e doutra, limitar a mobilidade entre concellos e áreas sanitarias co fin de previr a transmisión comunitaria", explica a Nós Diario  Manuel Martín, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, quen salienta a iniciativa mais tamén o seu carácter parcial. "Son medidas que van destinadas a paliar as consecuencias, pero non inciden sobre as causas da situación". 

Cremos que non se está facendo ningún esforzo, que non existe unha preocupación real polo que está pasando nos centros de maiores.

Neste sentido, Martín asegura que o sistema sanitario está semiparalizado. "Seguimos tendo graves problemas de acceso da poboación ao servizo de Atención Primaria. As consultas presenciais foron substituídas polas telefónicas, e iso no caso de que  se dean as condicións para que esa chamada sexa posíbel",  advirte.
Con todo, o voceiro de SOS Sanidade Pública pon o foco no na incidencia e na mortalidade que a día de hoxe, ao igual que na primeira onda de contaxios, se concentra nas residencias de maiores

"Aí é onde se produciron case a metade dos falecementos rexistrados e non sabemos nada das medidas que se están adoptando para evitar que as persoas que viven nas residencias, que son máis fráxiles desde o punto de vista da físico, enfermen e morran", incide Martín. "Cremos que non se está facendo ningún esforzo, que non existe unha preocupación real polo que está pasando nos centros de maiores", onde non observan ningunha medida "drástica" como as que se acordaron xa para fechar a hostalaría ou determinadas poboacións. "Reclamamos a mesma contundencia e vontade política para abordar a pandemia onde se manifesta con maior gravidade", conclúe.

Pandemia de eventualidade

Antes da chegada da Covid-19 Galiza xa padecía unha pandemia que afectaba a sanidade, recalcan desde o colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita, que onte asistiu ao Parlamento como único grupo profesional do gremio para participar  na comisión de reactivación económica, social e cultural da Galiza. 

"Unha pandemia de eventualidade e de falta de persoal que quedou patente durante a oposición de 2019, cando o Sergas se viu en apuros para cubrir a todo o persoal que fomos facer o exame, e que agora se reafirma coa crise sanitaria provocada polo coronavirus". 

A Xunta non pode culpar do déficit asistencial á simple falta de persoal cando é a Xunta quen mantén as traballadoras nunhas condicións máis que precarias.

As enfermeiras eventuais do Servizo Galego de Saúde non entran a valorar as últimas medidas adoptadas polo Goberno galego. Porén, insisten en dúas mensaxes. A primeira dirixida á poboación. "É fundamental cumprir as normas para evitar unha sobrecarga da sanidade". A segunda, á Administración. "É importante que asuma a súa responsabilidade. Non pode culpar do déficit asistencial á simple falta de persoal cando é a Xunta quen mantén as traballadoras nunhas condicións máis que precarias", froito da "mala xestión" dos últimos anos.

Sen prevención e rastrexo

Desde o punto de vista sanitario, a presión hospitalaria aumenta e o cadro de persoal é insuficiente para asumir esa alza. "Atender a demanda actual co esgotamento que manifesta o persoal é imposíbel, afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde. "Hai traballadoras  que levan até dous anos encadeando contratos sen descanso", detalla para ilustrar as deficiencias do sistema.

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]