O Goberno da Xunta anunciou o endurecemento das restricións fronte a Covid-19 até o mes de decembro. Finalmente, segundo recolle a orde publicada no Diario Oficial da Galiza, entrarán en vigor na medianoite, e non ás 15 horas desta sexta feira, tal como avanzou nun primeiro momento o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.
Novas restricións
Os límites acordados estabelecen o fechamento perimetral, a clausura da hostalaría e a prohibición de reunións de persoas non conviventes nas sete cidades e noutros 53 municipios da Galiza até o 4 de decembro.
Fechamentos conxuntos
Os fechamentos perimetrais conxuntos afectan os concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; Ferrol, Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Santiago, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Lugo; Ourense, Barbadás, Amoeiro, Coles, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén; Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior, e Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.
Fechamentos individuais
A maiores do fechamento perimetral das sete cidades á canda concellos da súa influencia, a Xunta estende a suspensión da mobilidade aos municipios de Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, Ponteareas, Tui e O Grove, ademais de Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa, mais da Estrada, Lalín e Silleda, que ao seren lindeiros, comparten fechamento. Nestes casos, quedan prohibidas as reunións de non conviventes mais a entrada e a saída de cada municipio ou grupo de concellos.
Excepcións
Queda interrompida a mobilidade en todos os concellos sinalados, agrupados ou non, salvo por motivos laborais, sanitarios ou educativos; coidado de persoas maiores ou dependentes, retorno ao lugar de residencia habitual, visita aos xulgados ou ao banco, para facer trámites administrativos inaprazábeis, botar combustíbel ou asistir a probas e exames oficiais.
Quen veña de fóra da Galiza deberá cumprir algún destes requisitos para acceder a calquera das áreas baixo fechamento perimetral.
Hostalaría e lecer
A actividade do sector da hostalaría e da restauración queda suspendida nos 60 concellos afectados por medidas especiais, a excepción do servizos de entrega a domicilio e recollida no local para o seu consumo na casa. A maiores, no marco do feche temporal de actividades non esenciais, a Xunta tamén decreta a clausura de estabelecementos de espectáculos, salas de concertos e recreativas, pubs, discotecas, bingos e locais de apostas. No resto do país os bares traballarán ao 50% da súa capacidade e sen servizo de barra. As terrazas poderán ocupar até 75% da súa capacidade.
Cines e teatros
De acordo co avanzado por Núñez Feixoo, cines, teatros, bibliotecas, museos e auditorios seguirán funcionando, mais coa capacidade reducida: 30 persoas no interior, 75 ao aire libre.
Actividade deportiva
Seguirán abertos ximnasios, piscinas e pavillóns municipais con límites de capacidade -50%- e de persoas -30 no interior, 75 no exterior- e a restrición da actividade colectiva. A práctica de deporte será individual e sen contacto físico. As competicións federadas seguirán adiante.
Comercio
O comercio continuará aberto baixo os mesmos criterios en todo o territorio. As tendas verán reducida a súa capacidade á metade, tamén nos centros comerciais, onde os espazos comúns só poderán acoller 33% da súa cabida habitual.