Paco G. Sarria, decano do Colexio de Xornalistas: "Se a sociedade valorase a liberdade de expresión non mercaría algúns xornais"

Paco González Sarria, decano do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza. (Foto: Nós Diario).
O 3 de maio conmemórase o Día Mundial da Liberdade de Prensa, unha data asociada na Galiza ao Premio José Couso, organizado polo Club de Prensa de Ferrol e o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza. 'Nos Diario' conversa co seu decano, Paco González Sarria. 

—Cal é a maior ameaza que pesa hoxe sobre a liberdade de prensa?
Por unha parte, a precariedade laboral na profesión é unha das grandes ameazas da liberdade de expresión, unha ameaza permanente. Por outro lado sempre están os poderes económicos e as presións que exerce a economía sobre os propietarios dos medios de comunicación. E nalgúns casos, dos poderes políticos, que dificultan a extensión da pluralidade a todo o sistema comunicativo.

Na Galiza non podemos xeneralizar, non podemos falar de todos os medios nin de todos os xornalistas, pero polo que compartimos no día a día cos compañeiros e compañeiras podemos confirmar que ambas as dúas ameazas están presentes. 

   
—Como afectan á actividade xornalística e á liberdade de expresión?

Tanto pola vía da precariedade como das presións nin conseguimos contar todo o que queremos, como cremos que debemos contalo, nin sempre se dá a pluralidade dun xeito equitativo. Sen xeneralizar, insisto. Non podemos facer disto algo común a todos os medios de comunicación, mais si o advertimos nalgúns deles.

Quen máis cartos ten, quen máis poder político acumula, máis presión pode exercer. Canto máis importante é o medio de comunicación, máis relevancia ten, máis pegada, máis penetración ten na sociedade, máis influenciábel resulta desde o punto de vista económico e político.

—A concesión de axudas públicas aos medios dan conta desta relación de poder e influencia. Desde o Colexio de Xornalistas veñen reclamando un sistema obxectivo que evite agravios. 
Por un lado están as axudas polo uso do galego e por outro están as axudas ás empresas xornalísticas. Nós sempre reivindicamos que haxa uns criterios que teñan en conta distintos factores, desde o número de empregados até a información dedicada a Galiza, que fagan máis equitativa esa repartición de fondos. 

A experiencia destes anos apunta un compoñente burocrático que non acabamos de considerar como o principal problema, mais si cremos que ao mellor non hai tanto interese por parte da Administración en que os medios que se expresan máis en galego teñan un maior apoio. Lamentabelmente o galego non está todo o presente que debería estar nos medios de comunicación. Si nos públicos, porque é a súa obriga, mais non na radiodifusión nin no papel. Ninguén debería pór pegas por ler máis galego nos xornais.  

—Cal é a resposta da profesión e da sociedade ante falta de pluralidade, de compromiso co galego e coa liberdade de prensa?  Existe unha reacción?
Estamos a vela nos medios de comunicación públicos. É admirábel a loita e reivindicación que manteñen facendo fincapé na necesidade de que a radio e a televisión públicas, financiadas por todos os galegos e galegas, sexan máis plurais e as súas  informacións sexan un reflexo diverso da sociedade. Nos medios privados esa rebeldía, aínda que exista, non a vemos acotío, é máis complexa. E tamén vemos que a sociedade non valora como debería a liberdade de expresión. Se o fixese, habería xornais que non mercaría ou medios que cuestionaría máis aló das redes sociais. Non hai unha presión social que reivindique un dereito que debera ser fundamental para a sociedade galega.

—Marcos Méndez recollerá este ano o XIX Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Que o fai merecedor?
Os colexiados máis o Club de Prensa de Ferrol seguro que valoraron a súa traxectoria como correspondente en Ucraína como freelance, a calidade da súa información e o feito de facela en galego para medios galegos. El asumiu o manifesto deste ano no que reflexiona sobre a precariedade e os conflitos armados, onde hai xornalistas, ás veces sen unha remuneración xusta, que tamén son vítimas da guerra