2.721 xornalistas asasinados no mundo desde 1991, 47 no último ano

A Federación Internacional de Xornalistas advirte un incremento das ameazas contra as e os xornalistas e a liberdade de prensa, así como unha cifra "récord" de detencións de profesionais da comunicación en 2021: 365.
Xornalistas asasinados e asasinadas en 2021, por países (Infografía: Nós Diario).
photo_camera Xornalistas asasinados e asasinadas en 2021, por países (Infografía: Nós Diario).

A liberdade de expresión e de prensa segue sen estar garantida en moitos países do mundo. Así o evidencia o último informe publicado pola Federación Internacional de Xornalistas (IFJ, en inglés), con datos recadados até o pasado 10 de decembro.

En 2021, segundo este documento, foron asasinadas 47 persoas por exerceren o xornalismo en bombardeos, fogo cruzado ou ataques directos contra elas. Trátase de sete mulleres —tres en Afganistán, dúas en Irán e unha en Kenia e Iemen— e máis 40 homes.

Este dato, con todo, é o quinto máis baixo da serie histórica —con rexistros desde 1991—, e supoñen 18 menos que en 2020 e una cifra semellante á de 2019 (49).

O pasado ano, 24 asasinatos producíronse en Asia, principalmente en Afganistán (9) e India (4), mentres outros seis foron en territorio europeo, nove en África e dez en América Latina, con México á cabeza (8).

Medran as ameazas

Mais esta leve redución dos asasinatos, salienta a IFJ, non impediu que o pasado ano medraran "de forma significativa" as ameazas contra as e os xornalistas e máis contra a liberdade de prensa, como é o caso do software de espionaxe Pegasus, desenvolvido polo Estado israelí para controlar aos profesionais da comunicación a través dos seus dispositivos móbiles.

Neste senso, a organización ten constatado un número "récord" de xornalistas detidos: 365 fronte aos 235 do ano anterior. "De forma común, os xornalistas son arrestados e acusados de infraccións por simplemente cubrir protestas ou tratar de informar da crise do coronavirus, ambos os dous asuntos de interese público", sostén o informe.

Afganistán é o país "que está a pagar o prezo máis alto" e un dos escenarios que máis preocupa á IFJ, que insta a "redobrar os esforzos" para protexer as vidas das xornalistas afgás.

Evolución dos asasinatos nas últimas tres décadas

Desde 1991 foron asasinados 2.721 xornalistas en todo o mundo, salientando, na parte negativa, os anos 2006 (155), 2007 (135) e 2004 (129).

Comentarios