Pablo Rodríguez, Asociación Veciñal de Puxedo: "Recuperamos todas as airas, sete muíños do Mao e 16 hórreos"

Pablo Rodríguez é o portavoz da asociación veciñal de Puxedo, en Lobios (P. Rodríguez)
O lugar de Puxedo, na parroquia de San Paio de Araúxo (Lobios) é un exemplo de recuperación patrimonial. Hai dez anos veciñas e veciños iniciaron unha experiencia que a día de hoxe conseguiu restaurar o retablo barroco da súa igrexa, 16 hórreos, eiras e lagares, entre outros elementos do seu patrimonio. Pablo Rodríguez, portavoz do plan veciñal que o fixo posíbel, conta a Nós Diario como tivo lugar a transformación deste recuncho do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. 

-Que pasos seguiron para chegar á recuperación do patrimonio de Puxedo?

Todo comezou coa constitución da asociación de veciñas e veciños en 2008 coa intención de recuperar o retablo principal da capela de San Antonio, que estaba a piques de derrubarse. En 2010 rematamos a restauración e decidimos continuar. Procuramos conseguir un local social e mercamos un inmóbel que restauramos grazas ao programa Leader.

Comezamos cunha programación cultural e aumentou o número de persoas que se interesaron na iniciativa. En 2014 presentamos o proxecto do conxunto monumental, que comprendía a capela, o peto de ánimas e o palco de música, xunto coa decisión de recuperar o patrimonio etnográfico de toda a aldea e que estaba abandonado.

Había unha tradición importante relacionada co cultivo de cereais e conservábanse elementos relacionados co ciclo do pan: catro eiras enlousadas, oito hórreos que eran particulares, muíños de auga... Faltábanos o forno comunitario, que se vendera nos 60 para facer a estrada de acceso. Por sorte un veciño fixo a doazón do seu que instalamos no local. 

Na actualidade recuperamos todas as eiras, sete muíños dos dez do río Mao e 16 dos 26 hórreos que hai. Para valorizar o conxunto en 2015 iniciamos as xornadas etnográficas anuais recreando o ciclo do pan. O último proxecto foi unha ruta sinalizada de todos os elementos con paneis explicativos, acompañados de códigos QR, e un centro de interpretación, o arranxo das rúas, a recuperación das fontes e un lagar de viño ademais da apertura dun museo etnográfico do Xurés.

-Hai tamén elementos contemporáneos? 

Recuperáronse moitas fachadas de bloque, ladrillo ou formigón con murais en graffiti do artista Mon Devane, que representan as diferentes fases do ciclo do pan e algunhas persoas da aldea que destacaban nalgún tipo de oficio. Todo isto fixo que moitas persoas quixeran rehabilitar as súas propias vivendas particulares.

-Como foi ese proceso de convencer a xente para que se realizara a recuperación?  

Non foi fácil. Tes que ser do lugar. A xente inicialmente é desconfiada. Cando ven que cumpres con aquilo que dis que farás e ven que hai seriedade e non enganas ninguén, que o que queres é sacar proxectos adiante para mellorar, salvo algunha contada excepción, acaban confiando en ti e dan a súa autorización ou participan activamente. Tivemos a dificultade de que algunhas propiedades eran de varios herdeiros e foi complicado localizalos e polos de acordo. Falando comprenderon que as herdanzas se valorizaban con estas actuacións.

-Que papel xoga a xuventude para sacar adiante este tipo de proxectos?  

Este tipo de iniciativas sempre ten que partir das veciñas e dos veciños. Non se faría nada se non houbese vontade da veciñanza de facelo. A participación da xente nova é fundamental. Ten que haber un pacto interxeracional. Hai que contar coa xente maior mais ten que estar liderado pola xente máis nova. Aquí foi o caso. Hai que ter coñecementos en distintos ámbitos, desde arquitectura até de economía pasando por saber facer orzamentos.

Hai que coñecer de maneira profunda tamén como funciona a Administración. Por un tema formal, de permisos ou de prazos pode fracasar un proxecto, hai que ter en conta que son por concorrencia competitiva, polo que tes que facelo moi ben. Por este motivo en moitos lugares non saen os proxectos adiante. Iso si, os protagonistas das actividades seguen sendo as persoas maiores.