Lula Goce, artista: "A arte urbana saíu ao rescate deses barrios que medraron desorganizadamente hai 40 anos"

As obras de Lula Goce chegaron a moitas vilas galegas. Á esquerda Sada, e o mural sobre Díaz Pardo (Cedida)
photo_camera As obras de Lula Goce chegaron a moitas vilas galegas. Á esquerda Sada, e o mural sobre Díaz Pardo (Cedida)

O muralismo, as propostas artísticas de gran formato na Galiza teñen en Lula Goce a unha das súas mellores embaixadoras. Desde Baiona conseguiu deixar pegada en edificios de medio mundo en países como EEUU, Bélxica, Alemaña, Italia e Irlanda. Na súa obra predominan o respecto cara a infancia, a muller e o medio ambiente. Vén de rematar, por encargo do concello de Nigrán, o mural do cemiterio de Panxón. O seu próximo traballo será pór imaxe ao 75º aniversario da Organización das Nacións Unidas (ONU) cunha intervención na Biblioteca Real de Bélxica. 

Como descobre a parede como lugar onde expresarse de maneira artística?

A min sempre me gustou pintar muros e paredes. Desde pequena xa me gustaba, xogando, dispor de espazos que creaba eu. Foi un modo natural. Ao saír do instituto en Baiona ía coas amizades a pintar con botes, daquela non había sprais. Cando estudei Belas Artes, unha parte do que facía eran intervencións no exterior e chamoume a atención realizalo en lugares públicos.

Continuei a aprendizaxe en Barcelona, onde me interesei polo mural mais cun carácter non tan ligado ao graffiti, o meu interese é máis artístico. Reescribir o espazo público cun significado diferente, que sorprenda, que cambie o seu uso habitual.

A través das redes sociais participei en Bélxica nun encontro internacional e foi o meu primeiro contacto co gran formato. Foi un reto, daquela tiña un cativo de catro meses e estaba aleitando,... era todo moi visceral. Foi un momento moi importante na miña vida. Síntome moi cómoda neste formato que é moi físico, con moitas horas pintando.

Que lle significou ter agora un encargo para celebrar o 75º aniversario da ONU? 

A ONU ten unha serie de proxectos nos que se trata do maltrato infantil en países sobre todo subdesenvolvidos e temas medioambientais. A contradición entre os intereses económicos do capitalismo e o que dalgunha maneira tería que ser a realidade. O respecto polas persoas, polos lugares e polo medio ambiente. A min pedíronme que desenvolvera esas ideas. Teñen un cumio medioambiental e tratará ese tema. Un dos grandes problemas que acucián ao mundo e polas que xorden situacións como a que actualmente vivimos coa pandemia. Non respectamos os espazos que son de todo o mundo, tamén dos animais e das plantas. 

Farei un boceto que ten que ser aprobado. Terá moita repercusión mediática e levará o seu apoio polo que precisa ter consenso. Estará comisariada pola ONG Street Art Mankind, que traballan moito pola visibilización das nenas e dos nenos en situación de empobrecemento e maltrato.

Unha das miñas grandes preocupacións dentro do meu traballo é o respecto pola natureza. Como persoas e como seres humanos cunhas necesidades, mais por riba de todo os espazos urbanos que non favorecen esa conexión coa contorna.

Eu vivo nunha zona que non é rural, mais si que conta con espazos naturais polo que me preocupa ir dar un paseo pola praia e vela chea de plásticos. Teño fillos e vexo que é o que lle estamos deixando. O feito de vivir nunha cidade xa te desconecta de todo o resto. A súa paisaxe é urbana e semella que queda fóra de nós. Reivindico iso e coido que foi esa a razón de escollerme. 

Hai unha necesidade na sociedade de dar outra vida aos espazos urbanos?

Coido que si. Veu dado polo crecemento das cidades, da aglomeración da xente nas cidades, xunto coa desertización dos espazos rurais. O crecemento nos últimos 40 anos de barrios descontrolados, con espazos moi feos, moi desorganizados a nivel urbanístico.

Espazos que quedaron en terra de ninguén, sen ningún tipo de regulación nin humanización. A arte urbana saíu ao rescate deses lugares, deses barrios que en moitos casos son espazos cun estrato social moi baixo económica e culturalmente. As actuacións que facemos xeran unha sinerxía moi positiva. Fan medrar e unen a comunidade. Sorprende, mesmo ven como é unha muller a que traballa nesa transformación. 

Comentarios