Ortigueira mobilízase en defensa dos dereitos das mulleres afgás

No acto soltáronse pombas como símbolo da paz (Foto: Jesús Giz).
Aliás, a Deputación de Pontevedra ofrece á Fegamp acoller "até 35 persoas refuxiadas".

Arredor de 70 persoas reuníronse nesta terza feira na praza do Concello de Ortigueira para defender os dereitos das mulleres afgás ante a inminente toma de poder dos talibán, coa anunciada retirada de tropas dos EUA e a OTAN o vindeiro 31 de agosto.

A profesora Carmen Loureiro deu lectura a un manifesto e a artista Celia Pía acompañou o acto coa súa música. No evento soltáronse pombas como símbolo da paz e dos dereitos humanos e repartíronse flores ás persoas asistentes.

"Quixemos lembrar o lema de Emma Bonino —ex responsábel da Oficina de Axuda Humanitaria da Unión Europea—, 'unha flor para as mulleres de Kabul', a modo de recoñecemento da súa loita. Non pode ser que no século XXI haxa mulleres que non poden saír á rúa sen a compaña dun varón, ou que deban levar un burka con esta calor, mentres nós protestamos pola incomodidade da máscara", expón, en conversa con Nós Diario, Xosé María Torres, un dos promotores da iniciativa.

Para el, resulta "sorprendente" a "pasividade" que semella imperar na sociedade civil a respecto desta cuestión.

"Quizais sexa porque é verán, mais estamos practicamente lavando as mans e confiando en que o Estado rescate algunhas mulleres, porque non poderán saír todas as de Kabul, e moito menos as do resto do país", lamenta.

Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comunicoulle nesta terza feira á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a "dispoñibilidade" do organismo para acoller "até 35 persoas refuxiadas".

A Fegamp está a artellar un operativo de acollida a través das entidades locais do país.