Denuncian que as institucións lexitiman o discurso LGBTIfóbico

O Orgullo clama por aprobar a Lei Trans

(Foto: Arxina)
Galiza conmemora o Día do Orgullo LGBT con manifestacións nas principais vilas e cidades e coa lectura de manifestos que reclaman a aprobación dunha Lei Trans integral.

Como cada 28 de xuño, os colectivos de persoas Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transxénero (LGBT) conmemoraron o Día do Orgullo e fixérono con concentracións, xantares ao aire libre, micros abertos, foliadas, rutas e manifestacións, que decorreron desde as 20 horas nas principais cidades do país e a cuxo remate se fixo lectura de cadanseu manifesto, que este ano tiveron como fío condutor a aprobación da coñecida como “Lei trans”, que demorou pola falla de acordo pleno entre PSOE e Unidas Podemos.

En conversa con Nós Diario, Xandre Garrido de Avante LGBT+ Compostela e Ana G. Fernández da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) da Coruña resaltaron “a necesidade de centrarnos nos dereitos das persoas trans e non binarias e do recoñecemento dos seus dereitos a través dunha lei integral”, explicaba Fernández.

Mentres Garrido falaba dos ataques recibidos desde a "clase política", que “só se lembra de nós cando necesitan vender a idea de que o concello de Compostela é diverso e intolerante, para que esquezamos que estamos gobernadas polo PSOE , o mesmo que incumpre as súas promesas electorais e obstaculiza unha e outra vez a Lei Trans que necesitamos para vivir plenamente”.

Desde ALAS tamén se reclama “que a Xunta faga valer a Lei 2 de 2014, pola igualdade de trato e non discriminación do colectivo, que agora non obriga a nada”.

Repunta do delito de odio

As discriminacións, o acoso e as agresións a persoas do colectivo LGBT, lonxe de deixaren de producirse, repetíanse nos últimos días con casos como o dunha pintada nunca casa de Cabo de Cruz (Boiro) que tiña pendurada da fiestra a bandeira arco iris ou a agresión producida na Coruña a unha parella de gais.

“Estabamos a facer a lectura institucional do concello e chegou un predicador cristián a dicir que eramos pecadoras e que nos arrepentísemos,”, explica Garrido en referencia á mañá de onte. “O auxe da LGTBIfobia que se está a dar, en gran parte está reforzado por partidos políticos como Vox e tamén por PP e PSOE, porque están a lexitimar estes discursos no espazo público”, asegura.

“Se no Congreso dos Deputados alguén di que as persoas trans están enfermas, esas crianzas van sufrir acoso no instituto, os seus pais e nais van ter moito máis difícil axudalas, acompañalas no tránsito de xénero”, recalca. Ana G. Fernández achega unha visión máis positiva e di que “temos que ter coidado pero non creo que esteamos indo para atrás de modo catastrófico, senón que aínda hai delitos de odio, porque é así”.

Efectos do confinamento

A pandemia de Covid-19 e o confinamento ao que conduciu afectou a moitos colectivos, e no caso das persoas LGBT “foi moi duro”, di Fernández, “para as persoas maiores LGBTI, esta parte do colectivo tivo un dobre illamento ao non ter o apoio social que tiña antes, e sabemos que o acoso nas redes sociais medrou”.

Garrido lembra que “moita xente tivo que volver á casa dos pais, e volver meterse no armario, e houbo quen decidiu aproveitar para saír del e foi expulsada da casa no confinamento estrito”, recalca.

Contra a transfobia

Avante LGBT+ A Coruña e a Asociación Trans Amizando realizaron o domingo 27 a súa concentración, para pór a ollada na alcaldesa da cidade, Inés Rey do PSdeG, pois denuncian desde Amizando no seu manifesto, que “días despois da concentración polo intento de suicidio dun compa, a alcaldesa publicou uns chíos no seu perfil persoal de Twitter de carácter profundamente tránsfobo no que negaba as identidades trans e vexaba unhe rapace que acababa de dar a luz”, denuncian.