Un traballador demanda a TVG por acoso laboral por orientación sexual

O acoso laboral por orientación sexual, segundo sindicatos e entidades LGTBI,  non conta coa visibilidade doutras problemáticas nas empresas. A denuncia dun traballador da TVG podería mudar esta situación. O caso tratarase o próximo 15 de xuño no xulgado do social número 2 de Compostela.
Membros da Asociación pola liberdade afectiva e sexual da Coruña o pasado 1 de maio de 2021 (Alas).
photo_camera Membros da Asociación pola liberdade afectiva e sexual da Coruña o pasado 1 de maio de 2021 (Foto: Alas).

A demanda interposta por un traballador contra a TVG por acoso laboral pola súa orientación sexual pon en evidencia un problema por veces silenciado como é a situación do colectivo LGTBI nas empresas públicas e privadas. O reporteiro gráfico Fito Ferreiro conta que antes de chegar aos tribunais mandara un escrito á Dirección de Recursos Humanos do ente público e interpuxera unha denuncia previa perante a comisión de acoso da CRTVG. Asegura que comezou a vivir este acoso a partir de 2005, cando se aprobou a lei de matrimonio igualitario. 

"Eu levaba no activismo LGTBI desde 1998, mais foi ese ano cando dei un salto como activista", explica Ferreiro. Xusto nese momento en que empeza a súa exposición pública, desde a TVG deixan de envialo a facer reportaxes, viaxes e eventos especiais, algo que facía con asiduidade, e destínano ao Telexornal mediodía. Ademais, a partir dese momento asígnanlle só informacións secundarias. Tamén deixaron de encargarlle substitucións por enfermidade e vacacións na delegación da Coruña e non responderon ás peticións de traslado urxente á delegación coruñesa nos últimos anos para poder coidar do seu pai, cunha dependencia dun 69%. 

Fontes da CRTVG aseguran a Nós Diario que "a cuestión formulada foi tratada de modo interno con todas as garantías de procedemento na "Comisión de Acoso" e non se atoparon motivos de discriminación" e "agora  o tema segue a vía administrativa, que a CRTVG non pode facer outra cousa que respectar".

Desde CCOO, Mary Rodríguez apunta que "é o primeiro caso destas características que temos a nivel galego", polo que facilitará que se teña en conta. Coincide co traballador en que facer público "o acoso, mobbing e LGTBIfobia visibilizará a situación" ademais de "animar a todas as persoas que sofren acoso por LGTBIfobia no traballo a que se animen a visibilizalo". 

Aumentan os casos de acoso laboral no colectivo

Un informe a nivel estatal de UXT sinala que catro de cada dez traballadoras e traballadores LGTBI aseguran vivir algunha agresión cara a si ou cara a outras persoas do seu colectivo no posto de traballo. Introduce, tamén, que un 86% considera necesario ocultar a súa orientación sexual para acceder a un emprego ou nunha entrevista. Ademais, tres de cada catro persoas LGTBI tiveron medo de revelar a súa orientación no traballo. 

A nivel galego, os datos cos que contamos proceden do Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS). Neste informe indican que os casos de acoso laboral se duplicaron en 2020 en relación a 2019, pasando de 1 a 2, malia o contexto da pandemia da Covid-19. A presidenta desta entidade, Ana G. Fernández, recoñece a Nós Diario que o acoso "pasa en máis lugares dos que parece, nunha realidade moi complicada" que vai "desde o máis velado até o máis evidente como os insultos". 

Marga Corral, da CIG, sinala que esta problemática "non debería existir se as empresas adoptaran un posicionamento rotundo contra este tipo de situacións". As propias compañías, indica a Nós Diario, "non queren meter o acoso por cuestións de identidade" nos seus códigos de conduta. Desde a central sindical apostan por "un protocolo preventivo" diante da "permisividade coas bromas que teñen que ver coa identidade". Por este motivo pide "unha acción inspectora chave para certificar que os protocolos se cumpren".

Eli Pérez, da asociación Nós Mesmas e a CUT, sinala que houbo algunhas denuncias en anos anteriores. Confirma a Nós Diario que as persoas LGTBI "non poden facer vida normal e aberta tampouco no traballo". Asegura que o acoso, nestes casos, "é moi difícil de poder denunciar" por non contar con ferramentas para xustificar os feitos. Na denuncia da TVG  "quedaría claro que poden illarte e excluírte mais o difícil é demostralo".  

Comentarios