As organizacións ecoloxistas abandonan o Consello Galego de Medio Ambiente pola "censura" da Xunta

Xuntanza de Cogamads. (Foto: Nós Diario)
Os vogais das tres asociacións, representantes ecoloxistas no Cogamads comunicaron na mañá desta terza feira á Presidencia do organismo consultivo a intención de non seguir participando nas reunións.

A Asociación pola Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), a Federación Ecoloxista Galega) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) veñen de anunciar a intención de abandonar o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (Cogamads) pola "censura" exercida pola Xunta da Galiza.

Os vogais das tres asociacións, representantes ecoloxistas no Cogamads comunicaron na mañá desta terza feira á Presidencia do organismo consultivo a intención de non seguir participando nas reunións.

Nun comunicado, as tres asociacións explican que non volverán acudir ás xuntanzas de Cogamadas mentres "non se debatan e voten no pleno as propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica presentadas na anterior sesión e reiteradamente ignoradas pola conselleira Ángeles Vázquez".

Anterior xuntanza

Segundo recolle o escrito dos ecoloxistas, na xuntanza do Cogamads do pasado 26 de xaneiro, varios vogais solicitaron debater e someter a votación no pleno a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico da Galiza así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego.

Porén, a conselleira Ángeles Vázquez eludíu tramitar estas solicitudes, abandonando "precipitadamente" a xuntanza e "deixando sen tratar o último punto da orde do día", ante a "sorpresa e protestas" dos ecoloxistas.

Nese momento, os vogais pediron a constancia en acta das dúas solicitudes de votación realizadas e as irregularidades no peche "abrupto" da sesión, así como a convocatoria "á maior brevidade posíbel" dun pleno extraordinario do Cogamads para tratar as propostas bloquedas pola Presidencia.

Adega, a FEG e SGHN denuncian que a acta desa reunión achegada pola secretaría do Cogamads non reflicte eses feitos. Ademais, lamentan que na orde do día da xuntanza desta terza feira, adiada en varias ocasións, non figuran, "malia telo solicitado", o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica furtadas do debate na sesión do 26 de xaneiro.

"Hixiene democrática e respecto" polo Cogamads

"A nosa decisión de ausentarnos das reunións deste organismo consultivo mentres a conselleira siga incumprindo o seu regulamento, censurando o debate e impedindo o dereito ao voto dos seus membros, tomámola por hixiene democrática e respecto polo Cogamads, rebaixado pola actual Xunta a un molesto e necesario trámite", critican

 

Para os ecoloxistas, o comportamento da Presidencia "só pode respostar ao intento de furtar do debate público as consecuencias do actual modelo de desenvolvemento eólico, ocultando e silenciando a preocupación que os seus impactos están a causar no ambiente e na sociedade galega".