BNG presentará unha emenda no Congreso para garantir a participación cidadá nas autorizacións de parques eólicos

Néstor Rego reúnese con colectivos de defensa do medio ambiente e representantes de distintas plataformas que loitan contra o 'bum' eólico.
bng eolicos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo este sábado en Santiago unha xuntanza con representantes de distintos colectivos e asociacións de protección do medio ambiente así como de plataformas comarcais de defensa ante o ‘bum’ de parques eólicos na Galiza.

Rego trasladou o seu compromiso con esta cuestión e anuncia a presentación de emendas na tramitación como proxecto de lei do Real decreto para eliminar os artigos 6 e 7 que pretenden prescindir dos trámites de alegación e participación cidadá, e que ademais presentará outra emendas para sentar as bases dun procedemento de implantación racional e que respecte a poboación, as terras agrarias e o medio natural e o patrimonio cultural.   

A finais do mes de marzo o Goberno do Estado aprobou un Real Decreto que principalmente contiña algunhas medidas dirixidas a intentar paliar a subida dos prezos pero que agochaba dous artigos que eliminaban a posibilidade de participación pública nas autorizacións de parques eólicos de até 75 Mw e que permite prescindir da Declaración de Impacto Ambiental.

 "No momento da súa convalidación, o BNG logrou presionar o Goberno que se viu forzado a aceptar a súa tramitación como proxecto de lei e, por tanto, a posibilidade de modificar ou eliminar os devanditos" puntualiza Rego.

Ademais da supresión dos artigos, o BNG partillou, a súa vontade de presentar emendas ao texto que promova a revisión completa do actual modelo de implantación eólica e sente unhas bases realmente sustentábeis e respectuosas co medio e a poboación.

 "É fundamental lexislar para que non sexan as empresas, atendendo aos seus intereses privados, as que decidan onde queren " subliña o deputado nacionalista.

O deputado do BNG salienta que é necesaria unha mudanza de modelo, pois "non podemos permitir a grave afectación que a implantación de todos os proxectos actualmente en trámite ou previstos terá no noso País, hai  que protexer as persoas, o medio e o patrimonio. Esa garantía non pode ser eliminada para maior lucro das grandes compañías eléctricas".

Comentarios