A oposición reprocha á Xunta que "nada fixo" en tres anos de Estratexia climática

Ángeles Vázquez anuncia a primeira Lei do clima da Galiza.
angeles vazquez xunta
photo_camera A conselleira nun momento da comparecencia (Foto: Xunta da Galiza)

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, compareceu a petición propia no Parlamento da Galiza para dar conta das políticas e actuacións da Xunta a respecto do cambio climático. Fíxoo apenas 24 horas despois de que a súa compañeira  Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, afirmase que estabamos en "prealerta de seca" en boa parte da Galiza. Compareceu Ángeles Vázquez sen a presenza de ningún membro do Goberno galego na Cámara para escoitala e centrou a súa intervención na Estratexia Galega de Cambio Climático que a Xunta activou en 2019 e que contemplaba 171 medidas e unha dotación de 1.200 millóns de euros.

A conselleira puxo como exemplo do facer da Xunta nesta loita contra o quecemento global que "Galiza reduciu en 23,8% as emisións de CO2", o que supón, dixo, moito máis que a media estatal. "Con Asturias e Castela e León somos as tres comunidades que máis reduciron as emisións". 

Esta afirmación recibiu un contundente reproche desde a oposición. Tanto Luis Bará (BNG) como Pablo Arangüena (PSdeG)  indicaron que esa redución respondía ao feche das térmicas de Meirama (Cerceda) e As Pontes. "Atribúense o mérito de baixar as emisións, que se debe a algo que vostedes non decidiron e ao tempo culpan o Goberno español de fechalas, defenden que se siga a queimar carbón", criticou o deputado socialista.

Para Bará, ficou claro que se as reducións eran o principal logro que se atribúe a Xunta "é que non teñen ningún balance que presentar". Nesta liña, o nacionalista censurou á titular de Medio Ambiente que da dotación de 1.200 millóns de euros da Estratexia contra o cambio climático, a "partida principal" —250 millóns— fose para extinción de incendios.

Lei e Alianza galega

Alén da Estratexia, Ángeles Vázquez enmarcou o compromiso climático da Xunta poñendo como exemplo súa participación na COP-26 de Glasgow sobre cambio climático que decorreu a finais de 2021. Tampouco a oposición 'comprou' ese argumento e reprochou á conselleira que fose a Glasgow "a se facer a foto"  para despois volver e "facer propaganda verde na Galiza", pois naquela cimeira, "as comunidades non tiñan nada que facer".

"Veunos falar aquí de algo que non existe, que é a política climática da Xunta; díganos unha  soa medida de certo calado que adoptasen, por favor", emprazouna Arangüena. Vázquez anunciou que neste ano o Goberno impulsará dúas iniciativas importantes. Unha, a Lei do clima, que fixará "unha nova orde de prioridades na economía, na vida cotiá..." pois o clima da Galiza pasará a ser "suxeito de dereitos". A segunda, unha Alianza Galega polo Clima, "para implicar a sociedade". 

'Falcon' e coches oficiais

As críticas da oposición non gostaron a Ángeles Vázquez. Defendeu o compromiso da Xunta co clima mentres, dixo, "Pedro Sánchez vai de paseo en Falcon" e acusou os nacionalistas de "estar sempre co mesmo mantra".  "Galiza, a capital verde", resumiu como obxectivo  da Estratexia. Non houbo ningún aplauso na Cámara cando o dixo.

Comentarios