Ordes de protección e denuncias por violencia machista, as cifras na Galiza

Non temos medo

O noso país sitúase 11 puntos por riba da media estatal no sobresemento de denuncias por violencia machista. O 37,4% das ordes de protección son rexeitadas. 

 

Após o asasinato machista en Dénia, o feminicidio número 12 no que vai de ano no Estado español e o segundo en menos de 7 días; a imprensa hexemónica salienta que a muller convivía co seu presunto asasino --á espera de confirmación xudicial-- malia posuír unha orde de afastamento. Unha medida de protección cautelar coa que non contaba, por outra banda, Isabel Fuentes, a muller asasinada no hospital público de Ourense o 8 de maio. 

Malia as sospeitas da Garda Civil non lle foi garantida unha vixianza o que permitiu a Aniceto R. acoitelala na cama onde se recuperaba dunha agresión cometida, supostamente, pola mesma persoa un mes antes. 

O foco mediático, gobernamental e político céntrase na maior parte dos casos --nas campañas institucionais e nas declaracións públicas-- no feito de se teren presentado ou non denuncias por violencia machista. E, como no feminicidio de Dénia, téndese a responsabilizar as mulleres da súa retirada ou do incumprimento das medidas xudiciais adoptadas. 

"Malia que el tiña unha orde de afastamento, vivían xuntos de maneira consentida". "Ambos os dous vivían xuntos de maneira voluntaria". Son algunhas das frases recollidas na imprensa española a respeito do asasinato machista de Alacant. 

Porén, as cifras sinalan que o percorrido das denuncias non sempre resulta na abertura dun proceso xudicial nen na adopción de medidas de protección. Aliás, o número de feminicidios --asasinatos por razón de xénero-- nos que as mulleres denunciaran e/ou contaban con ordes de protección evidencian que as valoracións do nivel de risco non se axustan á realidade nen impiden os crimes. 

Galiza, o segundo territorio con maior índice de sobresemento

Segundo o Observatorio de violencia de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, no noso país foron presentadas en 2014 un total de 5.209 denuncias e solicitadas 1.327 ordes de protección das que o 62,47% (829) foron aprobadas e 497, o 37,45%, denegadas. 

(Premer para despregar a gráfica. Infografía Silvia Cancela)

A maior parte das medidas de protección adoptadas xudicialmente foron de carácter penal e baseáronse en ordes de afastamento, prohibicións de comunicación e de volta ao lugar do delito. Así as cousas, a grande maioría dos procedementos xudiciais incoados por violencia machista rematan sen seren procesados o que sitúa a Galiza como o segundo territorio do Estado español (por detrás de Nafarroa) onde maior taxa de sobresemento (54%) se rexistra.

No concreto, a principal forma de terminación dos procedementos son por sobresemento provisional (52%) ao "non resultar xustificada a perpetración do delito", apuntan desde o Consello Xeral do Poder Xudicial. Un feito que acende as alarmas ao supor onde puntos máis que a media estatal. 

As razóns que argüen @s profesionais apuntan directamente ao "relato" dos feitos que realizan as denunciantes "que non é o suficientemente preciso", chegou a sinalar o fiscal xefe da área de Compostela, Mario Piñeiro, en declaracións á axencia de noticias Europa Press. 

Aliás, os baremos empregados para clasificar o grao de risco que atinxe as denunciantes evidencia fallos. Un feito que salientan as propias cifras. Neste senso, 15 das mulleres asasinadas no Estado español antes do 1 de decembro de 2014 denunciaran. Os seus casos foran considerados de "risco baixo ou nulo" pola policía. 

As cifras e a gráfica que acompañan esta información foron publicadas nunha reportaxe a dupla páxina publicada no número 140 do semanario en papel baixo o título A 'carreira de obstáculos' das mulleres que denuncian. Podes adquirilo na nosa loxa en versión PDF.