"A pasividade das institucións ante as mulleres asasinadas desespéranos"

[Imaxe CIG]

O movemento feminista concentrouse ás portas da Consellaría de Benestar para exixir responsabilidades á Xunta polo asasinato de Isabel Fuentes e o desenvolvemento dun Plan de actuación integral contra a violencia machista. 

 

Esta cuarta feira (13 de maio) representantes do movemento feminista e de organizacións como BNG ou a CIG concentráronse ás portas da Consellaría de Benestar coincidindo coa xuntanza do Obervatorio galego para a violencia machista. Ás portas da institución pública deron leitura a un manifesto no que exixen responsabilidades ao goberno galego polo asasinato de Isabel Fuentes, o 8 de maio, no hospital público de Ourense e instaron o desenvolvemento dun Plan de actuación integral contra a violencia machista un "problema estrutural" que constitúe unha "violación dos dereitos humanos". 

"A pasividade das institucións ante as mulleres asasinadas desespéranos", sinalan. "O pasado ano foron sete as galegas asasinadas e non houbo unha soa comparecenza do goberno galego reclamando un pacto co resto das forzas políticas, un xiro nas políticas dirixidas á igualdade, un incremento dos orzamentos e dos recursos destinados á loita contra este tipo de violencia". 

Neste senso, reclamaron a comparecencia parlamentar do vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que dea conta dos "recursos e instrumentos de todo tipo que se puxeron en andamento, desde o goberno da Xunta de Galiza, para asegurar a prevención da violencia de xénero e as medidas adoptadas nos casos detectados, en cumprimento da Lei Orgánica 1/2004, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero". 

Exixen que o goberno galego explique que medidas e recursos está a desenvolver para loitar contra a violencia machista

Aliás, demandan explicacións en relación coas medidas dirixidas a "mulleres novas, con diversidade funcional, mulleres xitanas e migrantes, así como das partidas orzamentarias investidas por parte do goberno da Xunta, no desenvolvemento da lexislación para a prevención da violencia de xénero vixente por cada un dos ámbitos (preventivo, educativo, social, asistencial, xudicial, e de atención posterior ás vítimas), nesta lexislatura". 

En relación ao acontecido con Isabel Fuentes e a desprotección na que se atopaba, exixiron información sobre "a efectividade das medidas de protección e de seguridade das victimas, da aplicación da tutela xudicial efectiva, da adecuación das sentenzas ditadas, á normativa de igualdade de xénero vixente e da eficacia das medidas adoptadas cos causantes do delito de violencia contra as mulleres en Galiza". 

A CIG, na concentración e non na xuntanza 

Pola súa banda, a Secretaría da Muller da CIG apoiou a convocatoria lanzada polo movemento feminista e rexeitou facer parte da xuntanza que decorría no interior da Consellaría de Benestar.

A decisión adoptada pola central sindical nacionalista, explicaron, respondeu á evidencia de que “a violencia machista non é unha prioridade na axenda política do Goberno galego, que utiliza as convocatorias do pleno deste organismo como unha escusa para dar a imaxe de que está actuando ante esta problemática, cando na realidade o que existe é unha falta de compromiso real coas vítimas”, explicou Margarida Corral.