Asasinada pola violencia machista unha muller no hospital público de Ourense

Concentración cadro persoal do hospital [Imaxe @Com_CHUO]

Aconteceu no interior do CHUOU onde María Isabel Fuentes se atopaba ingresada após ser agredida, presuntamente, polo seu home no domicilio familiar.

 

Primeira muller asasinada na Galiza pola violencia machista no 2015. María Isabel Fuentes foi acoitelada polo que era o seu marido nunha habitación do Hospital de Ourense onde se atopaba ingresada desde o 3 de abril após ter sido agredida na súa morada. 

Veciña de Verín, María Isabel acabada de saír dun coma e foi asasinada, a coiteladas, por Aniceto Rodríguez. Segundo fontes da Garda Civil citadas polo diario La Región, a agresión sufrida por Fuentes na súa morada indiciaba ter sido un caso de violencia machista. Así as cousas, non se adoptaran medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido entrar na habitación e matala. 

Desde o xulgado de Verín indican que non foi solicitada orde de protección cautelar ningunha embora a Garda Civil sospeitar dun caso de violencia machista

Sen medidas de protección no hospital

Segundo recolle a axencia de noticias Europa Press no xulgado de instrución nº1 de Verín, ao que se derivou o caso da agresión anterior, non se solicitaron medidas de protección cautelares malia que o instituto armado recoñeceu ter indicios de que se trataba dun caso de violencia machista. 

Neste senso, segundo fontes xudiciais teríase comunicado á Garda Civil que "se consideraba que debía vixiala" na habitación á que foi trasladada após saír da UCI que "extremase as precaucións" que considerase convenientes. Porén, nada se fixo. 

Desde o xulgado defenden as decisións adoptadas até o momento asegurando que a lexislación non permite limitar a liberdade básica dunha persoa --de movemento-- por "sospeitas" e sen probas. 

Após o feminicidio Aniceto Rodríguez tentou suicidarse co mesmo coitelo co que asasinou a que fora a súa compañeira. O instituto armado mantén as pesquisas abertas, din. 

O pasado ano na Galiza foron asasinadas 7 mulleres pola violencia machista. 

Concentracións

Desde a Marcha Mundial das Mulleres convocan senllas concentracións o sábado 9 de maio ás 20h en:

  • Ourense. Acarón da estatua da castañeira. Subdelegación do Goberno.
  • Vigo. Perante o Museo MARCO.
  • Ferrol. Praza do Concello.
  • Compostela. Porta do Camiño.
  • Pontevedra. Praza 8 de marzo. 
  • A Mariña. Fronte a Casa do Concello de Foz.

Aliás, terán lugar mobilizacións na segunda feira noutras vilas e cidades do país, como A Coruña, que será no Obelisco (20h).