A opacidade da Xunta dificulta avaliar a evolución da Covid na Galiza

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. á esquerda (Imaxe: Xunta da Galiza).
A Administración galega achega máis datos sobre o coronavirus aos medios que á poboación. Mais estes tamén atopan trabas por parte da Xunta para acceder á información. Profesionais que traballan con datos recomendan avanzar na liña oposta. Aseguran que a transparencia axuda á cidadanía a avaliar a situación actual, a xestión das autoridades ou a tomar mellores decisións.

Tras a primeira onda da pandemia do coronavirus na Galiza, Daniel González Peña decidiu pór en marcha unha base de datos aberta con distintos indicadores sobre a Covid-19 na Galiza. A maiores, desenvolveu a iniciativa Semáforo Covid, coa que fai unha lectura deses datos e da evolución da enfermidade.

Un xornalista explicoume que os datos da Xunta non son suficientes, explica González Peña

O comezo corresponde a unha anécdota. Nun xornal estatal leu un artigo acompañado cun mapa coa incidencia do coronavirus por territorios. Galiza mantíñase na cor gris da ausencia de información. “Preguntei a un xornalista o motivo a través das redes sociais e explicoume que os datos da Xunta non son suficientes ao non ofrecer os novos casos por área sanitaria nin a incidencia”, aclara González Peña en conversa con este medio.

O servizo de comunicación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense interveu na conversa dixital e ofreceu as cifras a este investigador informático da Universidade de Vigo. "Dixeron que comprendían que a información debe ser pública", apunta el. "A Xunta da Galiza dá os datos en notas de prensa, así non é doado calcular a evolución, cómpren datos en aberto", especifica.

A Xunta da Galiza dá os datos en notas de prensa, así non é doado calcular a evolución, resalta o investigador

Repositorios abertos

Daquela comezou a traballar nun repositorio accesíbel ao público que a súa vez emprega EsCovidData, un proxecto voluntario para conformar unha base de datos a nivel estatal. Tamén docente, e consciente da importancia do contexto que arrodea as cifras, González Peña decidiu interpretar as galegas. A día de hoxe ofrece desde a súa canle de mensaxería unha análise diaria. Co "semáforo" sinala en que estado se atopan tres indicadores en cada área sanitaria: a incidencia acumulada, a súa evolución e mais a porcentaxe de probas PCR do coronavirus positivas a respecto do total realizadas.

Os datos son escasos e, ademais, confusos, valora o doutor Luís Vázquez

Uns motivos similares levaron o doutor Luís Vázquez a publicar cada día os datos sobre a evolución do coronavirus na Galiza nas súas redes sociais. "Decidín facelo porque os datos son escasos e, ademais, confusos. Os do Ministerio de Sanidade non coincidían cos da Xunta xa que os transmiten de maneira diferente", explica.

Para Vázquez, nun contexto como o actual, cobra aínda maior importancia que a poboación estea informada. "Os da Xunta, a diferenza doutras comunidades, están limitados a notas de prensa cunha serie de datos xerais que non axudan moito", engade. 

Barreiras na información

Tanto Vázquez como González Peña fan alusión a que moita da información sobre a pandemia é accesíbel á poboación unicamente a través dos medios de comunicación. "A cidadanía depende de que os xornais fagan unha análise cos datos que reciben", apunta o segundo. Mentres, as e os profesionais atopan trabas para acceder a esa información.

Galiza é neste momento, xunto a Estremadura, a autonomía máis opaca do Estado, escribiu o decano do Colexio de Xornalistas

"Galiza é neste momento, xunto a Estremadura, a autonomía máis opaca do Estado na comunicación de datos sobre a Covid-19". Nunha misiva, o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza (CPXG) dirixiuse esta semana ao recentemente nomeado conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Nela, o decano do Colexio,  Paco González Sarria, compartiu a súa preocupación "polas dificultades que están a ter os e as xornalistas para acceder á información no cadro da crise sanitaria".

"A libre disposición dos datos sobre a pandemia para os medios e a cidadanía en xeral permitiría ás e aos profesionais da información analizar toda unha serie de elementos epidemiolóxicos, socioeconómicos e demográficos que poden contribuír a entender mellor o desenvolvemento da pandemia", escribiu Sarria. 

Sen respostas da Xunta

A súa publicación coincidiu co pleno parlamentar que decorreu na cuarta feira. Nel, o responsábel de Sanidade eludiu aclarar o dato dos rastrexadores que operan na Galiza. Comesaña comezou solicitando ao deputado socialista Julio Torrado "unha definición do que é para vostede e un rastrexador". A continuación, escudouse na cifra de 6.108 profesionais que colaboran no "proceso" do rastrexo e que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ofrecera en xuño. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 25, nos quiosques ou na nube]