As esperas derivadas da Covid, unha incógnita

Unha ambulancia traslada un doente con Covid-19 ao hospital de Lugo (Carlos Castro / Europa Press).
O Sergas suma case tres meses de demora na publicación das listas de espera sanitarias, as primeiras afectadas polo coronavirus e a interrupción da actividade regular nos hospitais.

Ningún territorio do Estado publicou aínda os datos correspondentes ao primeiro semestre do ano sobre as listas de agarda, unhas cifras que indican os tempos de espera das doentes para cirurxías, probas diagnósticas e consultas de medicina especializada no sistema público de saúde. Cando se dean a coñecer, serán as primeiras afectadas pola pandemia da Covid-19, que durante a onda inicial de contaxios paralizou o funcionamento ordinario tanto dos servizos hospitalarios como da Atención Primaria.

A Xunta acumula case tres meses de atraso na divulgación destas cifras, importantes para coñecer e explicar o funcionamento da asistencia sanitaria. En 2015, deixou de publicar os datos referidos ás demoras asistenciais nos hospitais da Galiza cada tres meses e pasou a informar das esperas sanitarias cada semestre, en xaneiro e en xullo. Así, os últimos datos oficiais son de primeiros de ano. A 31 de decembro de 2019, os tempos medios de espera eran de 41,5 para as primeiras consultas, de 65,5 para as probas diagnósticas e de 54,5 días para as intervencións cirúrxicas.

A interrupción de servizos básicos durante máis de dous meses sumada á falta de información agoiran un incremento significativo das cifras en todas as especialidades, unha suba que desde o movemento SOS Sanidade Pública dan por segura á vista do estancamento, din, que aínda se dá en distintas áreas hospitalarias.

A ralentí

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega vén de compartir un documento con todas as organizacións integrantes da organización para someter a debate unha serie de problemas "moi serios" que ten actualmente o sistema sanitario, independentemente da Covid-19. "Unha das principais dificultades é o atraso enorme na actividade dos centros hospitalarios", apunta Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade, en conversa con Nós Diario.

"Moitas especialidades que non teñen nada que ver co coronavirus nin co seu tratamento están paralizadas ou traballan a ralentí. Estanse anulando citas para consulta, probas diagnósticas e cirurxías, e iso repercute directamente no aumento das listas de espera, xa que nin sequera as pacientes cando solicitan unha cita cun especialista por unha doenza nova obteñen unha data e unha hora concretas para seren atendidas". 

Nestes momentos o máis importante, ademais de garantir as medidas de protección fronte ao coronavirus, é activar o funcionamento do sistema sanitario.

Neste sentido, defende a necesidade de que a poboación coñeza cal é a realidade das listas de agarda. "A Administración ten a obriga de informar de todo canto ten que ver coa saúde das persoas. Non pode ser que a xente non saiba cando vai ser atendida. Por iso cremos que é exixíbel que as listas de espera se fagan públicas dunha vez por todas. Ademais, se queremos que a cidadanía colabore, ten que ter información detallada de cal é a situación". 

Desde SOS Sanidade Pública salientan o dereito da poboación a saber e cualifican a tardanza na publicación das listas "como unha forma de ocultación da realidade". "Nestes momentos o máis importante, ademais de garantir as medidas de protección fronte ao coronavirus, é activar o funcionamento do sistema, porque a xente segue a ter os mesmos problemas de saúde e as mesmas complicacións das que morría antes".

Malia o aumento da presión asistencial nalgúns servizos concretos, Martín mantén que  agora mesmo "os hospitais non están colapsados, tampouco os quirófanos nin as UCI, e aínda así, persoas con doenzas graves encontran dificultades para seren atendidas, o que aumenta o risco de mortalidade por enfermidades que se poden previr e tratar".

Falta de recursos

Para a CIG-Saúde, detrás desta demora asistencial o que hai é unha falta de recursos. "O Sergas non está a por os medios suficientes" para poder asumir a actividade adiada máis as novas demandas das doentes. "Nós pedimos un plan de continxencia para os hospitais, sobre todo para recuperar no verán o labor que se deixou de facer durante o inicio da pandemia, mais entendemos que o que hai é unha parálise. Primeiro, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e, en consecuencia, dos centros hospitalarios e de Atención Primaria", asevera a secretaria nacional, María Xosé Abuín, en declaracións a este medio.

Preocúpanos especialmente o dato das persoas pluripatolóxicas que non teñen consultas presenciais e ven a súa saúde agravada pola paralización.

Da falta de información sobre os tempos de espera deduce "uns datos que non favorecen e que non se poden maquillar", polo que exixe unha resposta capaz non só de "atender a programación urxente e todas as consultas prioritarias, como entendemos que se está a facer agora, senón o resto de patoloxías, especialmente as crónicas e as pendentes de diagnóstico", para non acabar de agravar a saúde da poboación, argumenta. "A Covid-19 chegou para quedar  e hai que garantir a seguridade e a saúde tanto do colectivo profesional como da poboación" no seu conxunto e a todos os niveis, incide Abuín.

Desde a Federación de Sanidade de CCOO, afirman que a ausencia de cifras que ilustren a demora na atención hospitalaria é preocupante. "Este silencio é froito dos tempos de espera escandalosos acumulados", asegura Emilia Lamas. "Preocúpanos especialmente o dato das persoas pluripatolóxicas que nestes momentos non teñen consultas presenciais e que ven a súa saúde agravada pola paralización".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da quinta feira, día 24, nos quiosques ou na nube]