Once meses retido nun país en guerra: Pablo Costas, sen víveres nin auga potábel e abandonado polo Estado

O capitán Pablo Costas —dereita— está acusado de pesca ilegal polas autoridades locais malia non se atoparen indicios (Foto: Cedida).
O Ministerio de Exteriores afirma que non será posíbel repatriar o mariñeiro galego Pablo Costas "até se resolver a causa xudicial" aberta contra el por un presunto delito de pesca ilegal por parte das autoridades xudiciais de Al Mukallah (Iemen). O territorio está baixo a xurisdición dunha milicia apoiada polos Emiratos Árabes Unidos.

O mariñeiro buenense Pablo Costas Villar embarcouse en decembro de 2019 no buque Cobija, daquela con bandeira boliviana e en propiedade dunha empresa panameña, e desde entón non volveu pisar territorio galego.

A súa odisea comezou ás 00.00 horas do 18 de xuño de 2020, cando unha patrulla australiana asaltou o barco en augas internacionais —500 millas náuticas alén da súa xurisdición— en busca de probas que confirmasen un presunto delito de pesca ilegal. Ao non atoparen nada, o navío proseguiu a súa travesía, nun momento en que, por mor da pandemia, este e outros buques non atoparon ningún porto que lles permitise atracar por mor das restricións derivadas da pandemia a nivel internacional.

En medio deste proceso, o Cobija foi vendido a un armador somalí, que o 26 de setembro ordenou ao capitán desembarcar en Al Mukallah, territorio do sur do Iemen —país sumido nunha guerra civil desde 2014— controlado polo Consello de Transición do Sur, unha milicia apoiada polos Emiratos Árabes Unidos (EAU), que a través deste porto introduce armas para a guerrilla con certa frecuencia.

A cidade de Al Mukallah está controlada polo Consello de Transición do Sur do Iemen, unha milicia apoiada polos Emiratos Árabes Unidos

Unha vez entregados os permisos pertinentes, todo semellaba estar en orde. Porén, dous días despois, as autoridades locais informaron Pablo Costas dunha orde de detención da Interpol cursada por Australia por pesca ilegal.

Desde entón, a tripulación ficou retida á espera de se resolver unha causa xudicial na que o Tribunal de Primeira Instancia da localidade pedía tres meses de prisión para o capitán polo citado delito, do que aínda non se atoparon indicios. Tras varios meses de proceso, a acusación contra o mariñeiro galego quedou suspendida, e tanto el coma os seus compañeiros pediron ante os seus respectivos consulados a repatriación o pasado 12 de maio.

Un cidadán de nacionalidade rusa non tivo problema en voltar a San Petersburgo, o seu lugar de residencia, mais o resto da tripulación non correu a mesma sorte. Costas tivo constancia a través dun mariñeiro peruano de que a súa solicitude fora cancelada porque o fiscal presentara un recurso para reabrir a causa xudicial.

O mariñeiro non ten avogado propio

"Levo anos tratando casos semellantes e nunca vin que se retivese toda a tripulación se non era por un delito de tráfico de armas ou drogas. Non é unha retención, é un secuestro porque non está argumentada", sostén, en conversa con Nós Diario, o asesor sindical de Pablo Costas, Manolo Camaño —da Central Unitaria de Traballadoras (CUT)—.

Camaño é, na práctica, o único apoio xurídico que ten o mariñeiro de Bueu, xa que o avogado que o representa está en realidade a soldo do armador e a axencia marítima, con intereses contrapostos. Aliás, comunícase unicamente en árabe. E o Ministerio de Exteriores español, denuncia o sindicalista, "pasa a bóla" entre os consulados de Riad —Arabia Saudita—, Mascate —Omán— e O Cairo —Exipto—. "Está nunha situación de indefensión total, abandonado á súa sorte", censura.

A muller do capitán galego, Viktoriya Yovenko, dirixiuse ao Ministerio denunciando a "vulneración de dereitos" á que se ve sometido o seu cónxuxe. "Non é un delincuente, e aínda que o fose a obriga de axuda e auxilio como cidadán non variaría", expuxo.

Exteriores di que non o poderá repatriar "até se resolver a causa xudicial pendente" en Al Mukallah

O director xeral de Asuntos Consulares, Juan Duarte, respondeulle nunha misiva, á que tivo acceso este xornal, que a repatriación de Pablo Costas "está supeditada a que se resolva a causa pendente e sexa autorizada polas autoridades xudiciais competentes".

"Isto é moi grave, se mo contasen non o crería. O da diplomacia española non ten nome, como é posíbel que lle dean credibilidade a un Estado coma ese? Que lei van aplicar, a sharia?", cuestiona Camaño.

O mariñeiro galego descoñece cando se celebrará o xuízo e se terá as garantías que até agora brillaron pola súa ausencia, mesmo se o propio xuízo chegará a celebrarse. "Non sabemos nada. Preguntámosllo ao consulado de Riad hai un mes e medio e aínda non recibimos resposta ningunha", afirma o sindicalista da CUT. "Hai poucos días un representante do consulado preguntoulle a Pablo se seguía a bordo do barco ou xa estaba fóra, ese é o nivel", sentencia.

A tripulación malvive en condicións insalubres: sen auga potábel nin víveres

A tripulación, relata Manolo Caamaño, está a vivir en condicións "insalubres", sen auga potábel e sen víveres desde esta sexta feira. As ratas e as cascudas están presentes en todo o barco, e o peirao de Al Mukallah é un "vertedoiro". As autoridades locais envíanlles cada certo tempo escasos alimentos, principalmente arroz e fariña. Aliás, deben soportar temperaturas extremas de até 45 ºC. Pablo Costas non perde a esperanza, mais lembra que o tempo aprema: "Temo morrer aquí como unha rata", di.