OMS adianta que a metade de Europa terá Ómicron en dous meses

Hans Kluge (á dereita) en novembro. (Foto: A.Ortega.POOL / Europa Press)
Sanidade actualiza a listaxe para declarar a entrada no país e deixa fóra a case toda Europa, mentres a OMS alerta de que a metade da poboación continental terá Ómicron nos vindeiros dous meses.

Tras notificarse máis de 7 millóns de contaxios de SARS-CoV-2 no continente europeo na primeira semana de 2022, o director da rexión da Organización Mundial da Saúde (OMS), Hans Kluge, advertiu onte que máis do 50% da poboación estará infectada pola variante Ómicron nun lapso estimado de seis a oito semanas.

Estes datos proveñen dun estudo do Instituto de Métrica e Avaliación da Saúde, citado por Kluge para exemplificar a expansión da variante, que xera o contaxio do 1% da poboación cada semana, recoñeceron até 
26 Estados.

Nese sentido, 50 dos 53 países de Europa e Asia Central xa detectaron a presenza da variante, que “se está a converter rapidamente no virus dominante en Europa occidental e agora está a estenderse polos Balcáns”.
Kluge explicou que a capacidade de transmisión de Ómicron débese ás mutacións que “lle permiten adherirse ás células humanas con maior facilidade”, a pesar do que  insistiu en que as vacinas aprobadas contra a enfermidade garanten unha boa protección incluso nesta variante.

Fuxir de palabras como "deltacrón" ou "flurona"

Ademais, a líder técnica da resposta contra a Covid-19 da OMS, Maria Van Kerkhove, rexeitou a segunda feira o uso de palabras como “deltacrón” ou "flurona” para referirse ao coronavirus, explicando que eses termos “implican combinación de virus ou de variantes, e isto non se está a producir”.

Declaración de viaxe

Esta terza feira, a Consellaría de Sanidade actualizou os lugares de procedencia das viaxeiras e viaxeiros que deben declarar de maneira obrigatoria a súa chegada perante o Servizo Galego de Saúde.

En Europa só Dinamarca permanece na listaxe, que tamén atinxe aos territorios do Estado agás Canarias, Balears, País Valencià, Andalucía, Murcia, Ceuta e Melilla.