Médicos de familia piden tratar a Covid como a gripe

Unha enfermeira inxecta a vacina da gripe a un paciente  no inicio da campaña (Iñaki Berasaluce / Europa Press).
Avogan por recuperar a "vella normalidade", suprimindo as máscaras e calquera tipo de restrición, na liña do expresado na segunda feira polo presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez.

A Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) publicou un editorial esta terza feira no que aposta por tratar a Covid-19 como outras enfermidades infecciosas, entre elas a gripe, así como recuperar a "vella normalidade" a través da supresión das máscaras e de calquera tipo de restrición.

"Nin o sistema de saúde nin a sociedade no seu conxunto poden permitirse continuar testando a asintomáticos ou con síntomas leves e illando todos os positivos, coas consecuencias que iso supón a nivel social e económico polas baixas laborais masivas de persoas sas. Debemos acabar coa excepcionalidade: a Covid-19 debe ser tratada como o resto de enfermidades. A inmunidade adquirida e a chegada de Ómicron así o permiten", concretan os médicos.

Desde semFYC salientan que o sistema actual de control de casos "consome moito tempo e recursos e, como se volveu demostrar na sexta vaga, cando aumenta de forma importante o número de casos deixa de ser viábel e colapsa rapidamente".

"Chegou o momento de deixar de facer para poder facer: deixemos de visitar e testar a persoas sas con síntomas menores, deixemos de rastrexar e testar aos seus contactos, abandonemos os illamentos e as corentenas. Todas estas actividades, que tiveron sentido no pasado, víronse superadas coa inmunidade adquirida —tanto por infección como por vacinación— e a chegada de Ómicron", insisten a este respecto.

Así, consideran que "o obxectivo debe ser tratar a Covid-19 como a gripe", a través de "diagnose clínica e recomendacións xerais sobre autocoidado e prevención de contaxios a persoas vulnerábeis, reservando a atención sanitaria para as persoas que o necesiten pola súa sintomatoloxía ou vulnerabilidade".

"Só así poderemos atender debidamente a quen de verdade o necesite, pola Covid-19 ou por calquera outra doenza", destacan. Por iso, piden mandar "unha mensaxe contundente e coordinada desde todas as institucións para reverter a necesidade de realizar diagnóstico das infeccións respiratorias leves, xa sexa nos centros de saúde ou con test de autodiagnóstico".

Desta maneira, posiciónanse na liña do expresado na segunda feira polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nunha entrevista na Cadena SER, na que avanzou que o Ministerio de Sanidade, e en concreto o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) e o Relatorio de Alertas, están a traballar "desde hai xa semanas" nun plan para abordar a Covid-19 como a gripe, é dicir, a través dun sistema sentinela no que se controla a enfermidade a través da notificación de seleccionados médicos de Atención Primaria.

Sánchez defendeu que se trata dun "debate necesario" e que o Goberno estatal está "a tentar abrir a nivel europeo", xa que, ao seu xuízo, cóntanse con suficientes ferramentas para "protexernos e reducir na medida das nosas posibilidades os contaxios entre a poboación".