Todas as máscaras protexen contra a variante Ómicron?

Unha nena leva unha máscara na praia das Salseiras, no municipio da Laracha (Foto: M. Dylan/Europa Press).
A comunidade científica advirte que non todas as máscaras son efectivas para evitar os contaxios da variante máis transmisíbel da Covid-19.

A variante Ómicron da Covid-19 está a provocar unha explosión de positivos nunca antes vista desde que se declarara a pandemia en marzo de 2020, malia que a gravidade dos casos é notabelmente inferior á doutras variantes do coronavirus.

Mais, ante este escenario de contaxios masivos, as persoas expertas alertan sobre o uso de determinadas máscaras para evitar contraer a enfermidade.

Nesta liña pronúnciase, a través do seu perfil de Twitter, o profesor da Universidade de Colorado (EUA) José Luis Jiménez: "Non é que as máscaras cirúrxicas non funcionen, porque calquera máscara é mellor que ningunha xa que algo filtra. Porén, as cirúrxicas xa non son suficientes para un virus que se transmite axiña polo ar, máis rápido que calquera virus coñecido pola humanidade", advirte.

"E cómpre lembrarmos que a ventilación é deficiente na meirande parte dos lugares do mundo, sexan escolas, oficinas, residencias de maiores, supermercados, trens...", engade o profesor.

Tamén María Gallego, responsábel de psicoloxía clínica no Hospital Nosa Señora da Esperanza de Compostela, insta a poboación a empregar as máscaras FFP2 ou FFP3, "a poder ser axustadas ao colo".

Estas máscaras, insiste, "son cómodas, respírase ben con elas e axústanse ben á cabeza". "Se queren aforrar, unha elastomérica custa perto de 20 euros e dura anos. Os seus filtros son baratos e substitúense cada mes, ou máis", enfatiza.

Tamén a profesora británica Claire Judith Horwell, da Universidade de Durham (Reino Unido), considera "recomendábel" o uso da máscara FFP2. "Por norma xeral, se vostede sente que entra aire nos ollos e as súas lentes empanan axiña, ou sente que o seu alento escapa polos bordos... Entón tamén podería entrar aire contaminado", explica.

Pola súa parte, o Ministerio de Sanidade español especifica que "para a protección contra a Covid-19 recoméndase o uso de máscaras FFP2".