Ofensiva do nacionalismo galego no Congreso e Parlamento para evitar que a banca gañe "si ou si" nos desafiuzamentos

O BNG cualifica de "lavado de cara" o Real Decreto que o goberno quere aprobar sobre desafiuzamentos e propoñen no canto a adopción dunha batería de propostas, da dazón en pago á moratoria ou variar as taxas de demora, para poñer fin a "este drama social"

 

O BNG formulará no congreso d@s Deputad@s e no Parlamento de Galiza unha batería de propostas para "poñer fin ao drama social dos desafiuzamentos", un problema, sinalan na fronte nacionalista, produto da voracidade da banca e a tolerancia dos gobernos socialista e popular. O voceiro do BNG, Guillerme Vázquez, a deputada no Congreso, Olaia Fernández, e o parlamentar na Cámara autonómica, Cosme Pombo, compareceron para detallar a ofensiva de propostas e medidas que achega esta organización para crear alternativas aos desafiuzamentos.

Fernández Davila lembrou que desde o 2010 o BNG presentou varias iniciativas no Congreso a este respecto, "que nin PP nin PSOE apoiaron"  e cualificou de "tomadura de pelo" e "lavado de cara" o Real Decreto que vén de impulsar o goberno, "pois non dá resposta ao drama social nin achega solucións". Davila, que quixo facer un recoñecemento social ao movemento social que se xerou en torno á oposición aos desafiuzamentos, reiterou as propostas do BNG sobre esta cuestión. Nesta liña, Davila lembrou que os nacionalistas presentaron iniciativas para que se recolla a dazón en pago, a moratoria ou a posibilidade de converter a hipoteca en alugueiro.

Comparecencia de Rajoy

Para alén disto, o BNG vén de rexistrar no Congreso unha solicitude de comparecencia de Mariano Rajoy para que explique que pasos e medidas dá o goberno español a respecto dos desafiuzamentos. 

Pola súa banda, o parlamentar Cosme Pombo deu conta das medidas e propostas do BNG na Cámara autonómica para facer fronte a un escenario de execucións hipotecarias "que afecta a milleiros de familias".

Parque de vivendas

Nesta liña, Pombo avogou porque as vivendas que a banca vai meter no banco malo poidan ser habitadas por familias ou persoas con necesidades económicas. "Non pode ser que haxa milleiros de casas sen xente e milleiros de persoas sen casa", apuntou.

"Consecuencias obscenas"

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, enmarcou os desafiuzamentos como a "consecuencia macabra" do comportamento da banca e a tolerancia dos sucesivos gobernos. "A banca gaña si ou si e as persoas perden si ou si". Para o voceiro, o Real Decreto do goberno é unha "burla" á cidadanía e apelou a "esa Constitución española da que tanto falan, e que recolle o dereito á vivenda" para explicar que as achegas do BNG sobre desafiuzamentos "responden á necesidade e urxencia de acabar con este drama".