Obxectivo 8-M: transformar desde a raíz

Carme Adán, María Xosé Agra, Ximena González e María Reimóndez (Fotos: Nós Diario).
O movemento feminista galego suma este 8-M toda a forza reivindicativa lograda nos últimos anos para volver reclamar no espazo público unha transformación real da vida das mulleres. Neste 8 de Marzo, 'Nos Diario' aborda os desafíos do feminismo na Galiza con catro mulleres activistas e pensadoras.

O movemento feminista prepárese para saír á rúa na Galiza. Despois de catro anos vaino facer sen o amparo dunha folga xeral propia, que ademais de ofrecer visibilidade agrandou os espazos que agora ocupa a loita e a reivindicación das mulleres.

"A folga feminista de 2018 supuxo unha implosión. Foi un catalizador de algo que xa estaba na sociedade e que aínda persiste", afirma a Nós Diario a profesora de Filosofía Carme Adán. Non supuxo o inicio de nada novo. "O 8-M segue a ser unha data para reivindicar a necesidade de que os dereitos sexan plenos". Non é unha "celebración", matiza, como pretenden facer ver algunhas mensaxes, que cualifica de "arrepiantes".

 A escritora, intérprete e tradutora María Reimóndez lembra as "camisetas de Zara con mensaxes pseudofeministas" e advirte do risco de apropiación do discurso feminista por outros intereses. Aí sitúa un dos principais desafíos. "O máis complicado é manter un discurso complexo". A medida que as cousas se van introducindo de forma masiva, di, "dáse un proceso de banalización" que cómpre atender.

"Os feminismos son un movemento transformador desde a raíz, polo tanto non haber feminismos se non hai un fondo de antimilitarismo, de crítica ao capitalismo, á colonialidade e ao racismo". De renunciar a isto, explica, "acabaremos cun feminismo de Hillary Clinton, no que o único que interesa é que certas mulleres ocupen certos espazos para seguir facendo as mesmas cousas" mentres as mesmas mulleres seguen padecendo as mesmas violencias.

Cómpre desenvolver novas ferramentas para manter a profundidade do discurso feminista, incide Reimóndez, e que "ao amplialo non se vaia diluíndo". 

Feminismos en guerra

Neste momento, "tan complexo a nivel mundial, no que sentimos a debilidade que pode causar a guerra", Carme Adán outórgalle un valor especial a este 8-M. Tras varias décadas de feminismo, "a fenda salarial segue estando aí, os servizos públicos non dan conta das necesidades de corresponsabilidade na vida laboral e persoal das mulleres e a violencia machista permanece".

A catedrática de Filosofía resume nestas tres ideas os retos  principais do feminismo. Tamén na Galiza. E detense no terceiro, na violencia, permeábel a toda a sociedade. Faise visíbel na parella, na violencia sexual acrecentada pola pornografía hexemónica e "nesa visión tan patriarcal de conseguir as cousas pola forza". Aquí, a violencia agroma a través das mulleres "refuxiadas, sometidas ás mafias, á trata e á violación".

A violencia, asevera María Xosé Agra, catedrática xubilada de Filosofía Política, "é un eixo sempre presente que dá conta do nivel de cambio dunha sociedade". Neste sentido, advirte do avance de novas formas, "dun discurso e de ataques antifeministas explícitos que farán todo o posíbel por reverter os dereitos e logros das mulleres".

Traballo e coidados

Dentro e fóra da Galiza, a precariedade afecta a todos os ámbitos da vida das mulleres. Aí radica o desafío fundamental. "Construír e coidar leva moito tempo", afirma Carme Adán, na esfera privada e mais na pública. "Saber en cada momento cales son eixos e os problemas esenciais é parte do debate feminista", afirma Agra. Asegura que unha das cuestións fundamentais é "todo o que afecta á dimensión socioeconómica", herdeira da crise de 2008, aínda moi presente, "que golpea sobre todo a vida das mulleres".

 Polo que respecta á Galiza, Agra sinala o problema de acceso a todos os campos de traballo e a un emprego remunerado digno, ademais da fenda salarial. "Mais temos, tamén, un problema demográfico que non se pode pensar como fai a dereita, en chave de reforzamento da familia tradicional. É un problema grave de como se desenvolven as mulleres no medio rural, cunhas carencias moi significativas".

 Para a Marcha Mundial das Mulleres o gran desafío está en dar o salto aos "dereitos reais". Ximena González fala de "plasmar na realidade a forza de todas as mobilizacións que se veñen dando", nomeadamente desde 2018, ano da primeira folga feminista. "Cómpre que ese impulso constitúa unha transformación real da vida das mulleres". "Precisamos interpelar aqueles espazos nos que o patriarcado toma corpo, implicándonos nas loitas necesarias para conseguir unha vida digna". E fixa varios escenarios: a saúde, o sistema de coidados, a cuestión enerxética ne a garantía de acceso aos bens básicos para a vida.

Neste esforzo non abondan accións puntuais. Cómpre vontade e recursos e unha mudanza radical. "Para evitar a desigualdade salarial o primeiro é evitar a explotación laboral e as construcións de xénero que manexa o capitalismo", di Reimóndez. "Mentres non cambiemos iso non podemos agardar unha mellora das condicións de traballo", conclúe.

'Nin escravas nin heroínas. Mulleres con dereitos xa!'

Con "toda a forza de reivindicacións anteriores", Galegas 8-M sae á rúa esta terza feira para exixir "unha vida sen violencias" con todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos ao servizo das mulleres. Unhas políticas públicas "deseñadas polos feminismos" financiadas e eficaces. Unha educación pública de calidade, non sexista, igual e diversa. Chama a se mobilizar contra o capitalismo e a feminización da pobreza, en prol da construción de  "alternativas de vida para todas", tamén no medio rural.