As obras do tren de Alta Velocidade que conecta Vigo con Porto comezarán no ano 2026

Portugal anuncia que as obras do AVE comezarán en catro anos. (Foto: Europa Press)
O traxecto ferroviario será dunha hora e 25 minutos

Portugal anuncia que as obras do tren de alta velocidade que conectará Porto con Vigo en 1 hora e 25 minutos comezarán en 2026. Así o informou onte o primeiro ministro de Portugal, António Costa, quen indicou que o proxecto de alta velocidade entre Lisboa e Porto ademais de "unir o país e de mellorar a súa proxección no mundo", inclúe tamén a futura conexión con Vigo. Esta infraestrutura, cuxa primeira fase das obras comezará en catro anos, permitirá realizar o traxecto en menos de hora e media.

A infraestrutura permitirá realizar o traxecto entre Vigo e Porto en menos de hora e media

Segundo indica o esquema gubernamental, e como así o anunciou o primeiro ministro de Portugal, a segunda fase da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto prevese que comezará a partir de 2030 e que permitirá reducir o tempo de viaxe en dez minutos, é dicir, o traxecto duraría 50 minutos.

Na súa intervención, Costa manifestou que este enlace vai permitir "reforzar a fachada atlántica" e que será o "primeiro paso para a integración de Portugal na rede ibérica de alta velocidade". O Goberno portugués tamén explicou que na infraestrutura que transcorre entre Braga e Valença hai un treito que liga co territorio español, polo que "só se poderá construír nesa parte" cando o Estado español tamén planifique a infraestrutura.

Segundo recolle o esquema dado a coñecer na cerimonia de presentación da nova liña de alta velocidade, o percorrido será de perto de tres horas até A Coruña, o que supón reducir á metade as seis horas e 34 minutos coas que conta agora.

A nova liña AVE reducirá á metade o traxecto de seis horas e media á Coruña

Nunha segunda fase, os tempos reduciranse significativamente no percorrido entre Porto e Coruña será de 2 horas con 23 minutos e de 48 minutos até Vigo.

O Ministro de Infraestruturas de Portugal, Pedro Nuno Santos, afirmou que "despois de décadas de desinversión ferroviaria, de peche de liñas e de prioridade ao transporte individual, estamos levando a cabo unha revolución". Así, destacou que "sabemos que as vilas de ambos os lados da fronteira teñen relacións moi estreitas".