O xulgado autoriza o derrubamento do Garañón, en Lugo, horas despois de ordenar a súa paralización

O Garañón, na cidade de Lugo (Foto: Europa Press).
A alcaldesa Lara Méndez, o concelleiro de Urbanismo, Álvaro Santos, e un representante da empresa que derrubará O Garañón entraron o pasado venres, 21 de abril, na leira para asinar a acta de reformulo da demolición e inicio de obra, que podería comezar nas próximas semanas.

O Goberno municipal de Lugo recibiu a notificación de que existe vía libre para continuar co plan para derrubar as torres do Garañón, tendo en conta que o xulgado desestimou paralizar de forma cautelar a demolición á espera dunha resolución sobre a responsabilidade patrimonial.

Nesta mesma xornada, a alcaldesa, Lara Méndez, confirmara que había unha orde de paralizar o derrubamento por mor do recurso do promotor. Apuntaba en todo caso que esperaba que a solución sobre as medidas cautelares fose "cuestión de días".

Resolución

"Esperemos que se resolva como a vez anterior -en referencia ao de Banco Santander- e poidamos seguir co grande obxectivo que é demoler O Garañón", recalcara, en relación a unha resolución xudicial que se produciu finalmente nesta mesma xornada.

A alcaldesa, o concelleiro de Urbanismo, Álvaro Santos, e un representante da empresa que derrubará O Garañón entraron o pasado venres, 21 de abril, na leira para asinar a acta de reformulo da demolición e inicio de obra, que podería comezar nas próximas semanas.

"Ningún éxito"

Pola súa parte, o PP local acusaba o Goberno de Méndez de "montar un teatro" e afirmaba que a derriba do Garañón "non é ningún éxito" porque "a licenza dada por José Ramón Gómez Besteiro e os seus compañeiros de corporación do PSOE está a custar, ademais de moitos desgustos, moito diñeiro" aos veciños da cidade da muralla.