O plan de control da contaminación atmosférica do Estado español non segue as directrices da OMS

A contaminación é un factor de risco moi importante para as crianzas europeas (Foto: Europa Press).
Adega vén de facer achegas ao II Plano de control da contaminación atmosférica reclamando que os límites de contaminantes para o horizonte do ano 2030 se aliñen co recomendado pola OMS en 2021.

O Goberno do Estado vén de expor o II Plano de control da contaminación atmosférica para tentar cumprir cos obxectivos de redución de contaminantes atmosféricos establecidos pola UE.

Porén, estes obxectivos seguen a estar moi lonxe do recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), e ademais tampouco se cumpriron cos fixados no anterior Plano, superándose os valores límite (2021) para o dióxido de nitróxeno (NO2), as partículas e ou ozono troposférico (O3), entre outros contaminantes, segundo alerta a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega).

Adega vén de facer achegas a este II Plano de control da contaminación atmosférica reclamando que os límites de contaminantes para o horizonte do ano 2030 se aliñen co recomendado pola OMS en 2021.

O “II Plan Nacional de control da contaminación atmosférica non pretende rebaixar os valores máximos de concentración dos distintos contaminantes – PM₂,₅, PM₁₀, NO2, O3, SO2, CO- para adaptalos ás recomendacións e directrices da OMS (2021), e tampouco estabelece períodos intermedios para poder cumprir coas recomendacións deste organismo nin para o ano 2025 nin mesmo para o 2030”, manifestan desde Adega.

A lexislación europea “ignora que no ano 2021 a OMS, estabeleceu novas directrices mundiais sobre calidade do aire, recomendando que os niveis de concentracións dos contaminantes lexislados foran máis rigorosos para protexer a saúde das persoas”.

Ameazas medioambientais

Segundo Adega, “a contaminación afecta a saúde humana en concentracións máis baixas do que se supuña e mesmo algúns contaminantes ademais contribúen ao cambio climático sendo dúas das maiores ameazas medioambientais para a saúde humana”.

A Directiva 2001/81/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2001, fai “caso omiso” das directrices da OMS, e por tal motivo en abril de 2022 o director xeral da OMS volvía facer un chamado urxente para acelerar a aplicación das medidas propostas a fin de preservar e protexer a saúde e mitigar a crise climática. Consideraba que “99% das persoas respiran ar insalubre pola contaminación atmosférica, de modo que cada ano a exposición á contaminación do ar causa sete millóns de mortes prematuras e provoca a perda de moitos millóns de anos de vida saudábel”.

Na actualidade a poboación e os ecosistemas están expostos a niveis máis elevados de contaminación que os propostos pola Organización Mundial da Saúde.

“No ano 2023 seguimos ignorando as directrices da OMS aínda que desde as Administracións insistan en afirmar que cumpren coa lexislación vixente. Os riscos para a saúde asociados por exemplo ás partículas en suspensión cun diámetro igual ou inferior a 10 e 2,5 micras (µm) (PM₁₀ e PM₂.₅, respeitivamente) son de especial relevancia para a saúde pública”, salientan desde Adega.

Ademais, aproveitan para lembrar que “as directrices da OMS non son xuridicamente vinculantes, mais son unha ferramenta baseada na evidencia científica que recomenda como nivel de calidade do ar para PM₂,₅ valores de 5 μg/m3 anual e 15 μg/m3 para 24 horas. En ambos os casos a OMS estabelece a posibilidade de metas intermedias de redución que a Xunta e ou Goberno do Estado poderían adoptar para preservar a saúde da cidadanía”.