Gráficos

Estas son as industrias máis contaminantes da Galiza

O Ogacli salienta que as centrais térmicas aumentaron en 45% as súas emisións "nun ano de retroceso para a transición eléctrica". En conxunto, as emisións de gases causantes do cambio climático das 40 industrias afectadas na Galiza polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) medraron 5% en 2022.
A central de ciclo combinado das Pontes, á cabeza en emisións. (Foto: Europa Press)
photo_camera A central de ciclo combinado das Pontes, á cabeza en emisións. (Foto: Europa Press)

As emisións de gases causantes do cambio climático das 40 industrias afectadas na Galiza polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) medraron por volta de 5% en 2022 en comparanza cos rexistros do ano anterior. Así se desprende dos últimos datos recompilados polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), que sinala como causa principal desta repunta a maior actividade das centrais térmicas de gas fósil e carbón e da refinaría de petróleo, algo que, subliña, "pon de manifesto a necesidade de acelerar a transición enerxética".

Só as industrias obrigadas a participaren no RCDE representan até 30% das emisións totais de gases de invernadoiro do país, e pertencen a sectores industriais intensivos en materia de emisións que son "chaves no proceso de descarbonización", lembran desde o Ogacli.

Apuntan tamén que, se ben o mercado europeo de emisións "ten contribuído a reducir as emisións industriais" desde a súa creación en 2005, certo é, á vista dos datos, que "nos últimos tres anos obsérvase unha tendencia á estabilización" nestas emisións.

A evolución das emisións por sectores en 2022 foi "moi desigual", explican, e aluden a que, en primeiro lugar, o da produción eléctrica, integrado polas centrais térmicas de gas fósil e carbón, aumentou as súas emisións en case 900.000 toneladas (+45%), "nun ano marcado polo descenso da xeración renovábel por causa da seca e do estancamento na instalación de nova potencia renovábel". Supuxeron case a metade das emisións suxeitas ao RCDE na Galiza.

Pola súa parte, a maior industria enerxética do país, a refinaría de petróleo operada por Repsol na Coruña, incrementou en 31% as súas emisións durante o pasado ano, roldando o millón de toneladas de CO2. Este é o sector con maior peso na contaminación —dentro do RCDE— após as industrias eléctricas.

Pola contra, as emisións da industria siderúrxica e metalúrxica descenderon conxuntamente en 40%, sempre segundo os datos expostos polo Ogacli, "para o que resultou decisivo a suba do prezo da enerxía", precisan. A forte diminución das emisións do sector do aluminio debeuse, aliás, á parada da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao.

No que atinxe ao recorte das emisións na fabricación de aceiro e ferroaleacións, desde a entidade atribúeno á "baixada da actividade das fábricas de Ferroatlántica en Sabón (parada en 2022 desde xuño) e de Xeal en Dumbría e Cee". Tamén a alza do prezo da enerxía influíu na redución de 20% das emisións das instalacións de combustión e das centrais de coxeración en sectores industriais non contemplados especificamente no RCDE", engaden.

Comentarios