O Papa Francisco: "Ser homosexual non é delito, mais si é pecado"

O Papa Francisco (Foto: Stefano Spaziani / Europa Press).
Francisco recoñeceu o apoio dalgúns bispos en diferentes partes do mundo ás lexislacións que van en contra dos dereitos do colectivo LGBTIQ+.

O papa Francisco abordou nas últimas horas o tema da homosexualidade e a posición da Igrexa católica respecto diso. En diálogo coa axencia Associated Press, avogou pola necesidade de distinguir entre o que se considera un "crime" e un "pecado".

"Ser homosexual non é un delito, pero si é un pecado. Ben, pero primeiro distingamos entre un pecado e un crime. Tamén é pecado faltar á caridade co próximo", asegurou o máximo mandatario da Igrexa católica.

Aínda que o pontífice comparte a postura do Vaticano, que considera os actos homosexuais como "intrinsecamente desordenados", cualifica de "inxustas" as leis que penalizan ou criminalizan a homosexualidade nalgunhas partes do mundo.

Francisco recoñeceu o apoio dalgúns bispos en diferentes partes do mundo ás lexislacións que van en contra dos dereitos do colectivo LGBTIQ+.

Atribuíu esa posición a antecedentes culturais e convidou eses membros da Igrexa a pasar por un "proceso de conversión" para que recoñezan a dignidade de todos por igual.

"Deus ama todos os seus fillos por igual", dixo o papa, reiterando a necesidade de non marxinar e de tratar con respecto as persoas homosexuais, e de darlles a benvida á Igrexa, a cal pode e "debe" traballar para pór fin a calquera lei ou acto discriminatorio, a pesar de cualificar a homosexualidade como "pecado".

"Todos somos fillos de Deus, e Deus ámanos tal como somos e pola forza coa que cada un de nós loita pola nosa dignidade", concluíu.