Contracultura

Bárbara G. Vilariño: "A representación de personaxes LGBT+ é bastante estereotipada e autoexplicativa"

Bárbara G. Vilariño, xornalista e parte do equipo de coordinación do Club de Lectura Queer da Coruña, foi a encargada de presentar as II Xornadas de Diversidade Afectivo-Sexual nas series de televisión organizadas polo Concello e a asociación LES A Coruña. Vilariño aborda as eivas da ficción en canto a representación e relevancia xa que, como ela di, “sabendo como é o mainstream, traballar desde aí tamén pode axudar”. 
Bárbara G. Vilariño é xornalista e activista (Foto: Nós Diario).
photo_camera Bárbara G. Vilariño é xornalista e activista (Foto: Nós Diario).

Cales son as problemáticas das personaxes LGBT+ na ficción?

No que coincidiron as persoas que participaron nas xornadas é que a representación é bastante estereotipada e que vende unha imaxe exemplarizante ou autoexplicativa. Por exemplo, cando hai unha persoa trans ou non binaria ten que estar constantemente explicando a súa situación e é probábel que non teña transcendencia na trama máis aló da súa identidade. Compartiuse o test Vito Russo, que é como o test de Bedchel para analizar se as personaxes femininas teñen relevancia nunha historia.

Se pasamos este test á meirande parte das series de ficción, acaban caendo, porque se hai personaxes anecdóticas, sen arestas ou que sempre teñen que ser boas acaba por ser unha representación bastante feble. Analizamos a ficción das series de televisión a todos os niveis: Galiza, o Estado español e tamén no eido internacional, porque as plataformas masivas inflúen no noso día a día aínda que teñamos unha perspectiva máis local.

Nas xornadas compartíronse uns datos dos Estados Unidos: só no 9% das series de ficción había persoas do colectivo, mais nesa porcentaxe tamén había unha sobre representación de personaxes gays, deixando fóra persoas lesbianas, bisexuais e trans, por non falar de persoas non binarias ou asexuais. 

Hai unha mellor representación na literatura?

Teño que recoñecer que consumo menos series, mais baixo o meu punto de vista na literatura temos máis representación e moi diversa, e nomeadamente na Galiza. A xeira de poetas mulleres dos 90 até agora é incríbel, inclusive falando do recente Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández que gañou Ismael Ramos por Lixeiro.

Isto dá unha medición do grao de madurez que temos no que respecta á literatura diversa dentro da Galiza. Pode ser que teña que ver co formato, porque o audiovisual é moito máis custoso, mais tamén hai outra cuestión na que incidimos: quen acaba representando a esas personaxes LGBT+.

Falabamos nomeadamente das persoas trans e salientamos a serie Veleno como exemplo dun bo reflexo da súa identidade, precisamente porque as personaxes estaban interpretadas por actrices trans. Nas propias xornadas houbo opinións diversas, mais a meirande parte das persoas coincidían nisto, da mesma forma que se queremos unha personaxe racializada ten que ser interpretada por unha persoa desta etnia. Non obstante, por exemplo, no caso da orientación sexual temos o caso de Javier Bardem co seu papel dunha persoa gay en Antes que anoiteza e foi unha interpretación brillante.

Si que se subliñou que hai unha bagaxe persoal que tamén se relaciona coa calidade interpretativa de cada quen. Non por pertencer a un colectivo vas interpretar mellor dito colectivo, mais suponse que se alguén sabe montar a cabalo terá unha maior predisposición a interpretar películas nas que teña que montar a cabalo. 

Tamén está a cuestión de até onde chega a representación.

Este tipo de xornadas son marabillosas, a edición pasada falamos de literatura e xa estamos buscando tema para a próxima, mais ao final penso que estamos a falar entre a nosa audiencia e o ideal sería que chegase a todo o mundo, especialmente a aquelas persoas que de primeiras puideran ter algún tipo de prexuízo.

E tamén falabamos un pouco disto: sabendo como é o mainstream, traballar desde aí tamén pode axudar e desde as plataformas e as marxes intentamos facer presión para isto. Por exemplo, Antonio Hernández falaba da relevancia que tivo escribir como guionista unha personaxe homosexual en Ao saír de clase, unha serie dos 90 que sendo superflua estaba en todos os fogares do Estado. 

Comentarios