Falece o papa emérito Bieito XVI

Joseph Ratzinger, nomeado papa co nome de Bieito XVI, faleceu esta mañá aos 95 anos no mosteiro onde residía no Estado do Vaticano.

Benedictus XVI
photo_camera O papado de Bieito XVI estivo marcado pola polémica. (Foto:Europa Press).

O director da oficina de prensa do Vaticano, Matteo Bruni, confirmou esta mañá a agardada morte do papa Bieito XVI, cuxa delicada saúde se tiña gravado nas últimas semanas.

O voceiro do Vaticano limitouse a afirmar que “con pesar dou a coñecer que o papa emérito Bieito XVI faleceu hoxe as 9:34 horas, no mosteiro Mater Ecclesiae do Vaticano”.

Bieito XVI residía neste centro relixioso após a súa nunca ben explicada renuncia ao papado en 2013. Precisamente, o pontífice alemán solicitou non ser desprazado do mesmo, malia o empeoramento da súa saúde.

O seu sucesor tiña advertido nos últimos días do seu delicado estado de saúde. Tanto é así, que o papa Francisco non dubidou en pedir, “unha oración especial para o papa emérito Bieito XVI, que en silencio está a soster a Igrexa: lembrádeo, está moi enfermo, pedimos ao señor que o console e sostéñao neste testemuño de amor á igrexa ata o final".

Bieito XVI mantivo até os seus últimos tempos unha grande influencia nos sectores máis reaccionarios da igrexa católica. Ao tempo, o seu maxisterio veuse marcado por denuncias de pederastia e corrupción.

Joseph Ratzinger, nado en 1927 na cidade bávara de Marktl (Alemaña) participou  con entusiasmo nos debates do Concilio Vaticano II. porén non tardou en separarse das liñas modernizadoras aprobadas neste cónclave.

Prefecto da Congregación da Doutrina da Fe desde o seu nomeamento por Xoán Paulo II  en 1981, significouse pola súa persecución aos sectores máis progresistas da igrexa, moi particularmente a aqueles ligados a Teoloxía da Liberación.

A traxectoria de Ratzinger, persoa de grande preparación intelectual, ficará asociada a suspensión de significados teólogos como Hans Kung ou Leonardo Boff. Neste sentido, foi coñecido polos seus detractores dentro da igrexa como “o papa de ferro” ou “o panzer papa”.

Comentarios