A Igrexa despide Bieito XVI como "firme loitador contra os abusos" malia morrer cunha causa pendente por encubrimento

O tribunal que o chamara a declarar dá por concluída a causa.
Funeral de Joseph Ratzinger, coñecido na relixión católica por Bieito XVI, oficiado polo Papa Francisco esta quinta feira no Vaticano. (Foto: Michael Kappeler / DPA)
photo_camera Funeral de Joseph Ratzinger, coñecido na relixión católica por Bieito XVI, oficiado polo Papa Francisco esta quinta feira no Vaticano. (Foto: Michael Kappeler / DPA)

O pergameo escrito en latín coas datas máis significativas da vida de Bieito XVI, introducido no féretro de ciprés que contén os seus restos mortais, e que será enterrado nas grutas vaticanas, destaca que o ex representante da relixión católica "loitou con firmeza contra os delitos cometidos por representantes do clero contra menores ou persoas vulnerábeis, chamando constantemente á Igrexa á conversión, a oración, a penitencia e a purificación".

Esas son as palabras exactas recollidas no documento que resume a vida de Joseph Ratzinger, incluíndo os oito anos como Papa reinante e os dez como Papa emérito. Tamén se apunta que foi un "teólogo de recoñecida autoridade" que deixou "un rico patrimonio de estudos e investigacións sobre as verdades fundamentais da fe".

Ao remate, inclúe a frase escrita en latín Semper in Christo vivas, Pater Sancte coa data do seu nacemento e morte. Este pergameo foi colocado xunto ás moedas e medallas acuñadas durante o seu pontificado. Son sete de ouro segundo o número de anos, dez de prata segundo o número de meses e outras nove de bronce. Durante a misa-funeral en 2005 do Papa Xoán Paulo II, que durou tres horas, tamén se lera en voz alta este documento.

Aliás, tamén se colocou o palio, a cinta de la con cruces que se pon sobre os ombreiros e que simboliza a potestade de goberno nunha determinada xurisdición, dentro do cadaleito, á beira do seu corpo e sen vestilo, como se fai cos bispos eméritos. O Papa Francisco oficia o funeral desta quinta feira no Vaticano.

Bieito XVI recibiu tres veces o palio, en 1977 como arcebispo de Múnich e Freising, en 2002 como decano do Colexio Cardinalicio e en 2005 como Papa, e que se colocou canda o corpo. Bieito XVI non será soterrado co anel do pescador que usou durante o pontificado, xa que foi destruído en 2013, cando anunciou a súa renuncia.

Xuízo pendente

A descrición de Bieito XVI como "loitador contra os abusos" suscitou a polémica, pois o Papa emérito morreu deixando unha causa xudicial pendente de resolución relacionada con esta mesma cuestión. Así, o eclesiástico estaba chamado a prestar declaración este mesmo mes no xuízo que investiga os abusos sufridos por un home natural de Baviera (Alemaña) a mans do sacerdote Peter Hullermann entre 1977 e 1982, cando era menor de idade.

Ratzinger, segundo desvelou hai xa unha década The New York Times, era coñecedor destes abusos, producidos cando el exercía de arcebispo de Múnich. Lonxe de ser xulgado, o crego seguiu traballando en diferentes parroquias. Após transcender estes feitos, outras catro vítimas denunciaron agresións por parte de Hullermann.

"Se a Igrexa católica e os demandados —excepto o notorio reincidente— se ateñen ao que todos os actores eclesiásticos constantemente declaran de forma pública, é dicir, á súa obriga cristiá e ao recoñecemento das faltas cometidas, a demanda terá éxito", apuntaran o pasado mes de novembro desde a defensa do denunciante.

Porén, Joseph Ratzinger non puido ser xulgado finalmente por ese presunto delito de encubrimento debido ao seu pasamento. "Dado que non somos o Xuízo Final, daquela completaríase o proceso con respecto a el", resolveu esta semana o Tribunal de Traunstein, en Baviera, dando por concluída a causa sobre o Papa emérito.

Comentarios