Denuncia de Adega

Novos informes confirman drenaxes ácidas na mina de Touro

Balsas da mina de Touro. Imaxe: cedida.

“A práctica totalidade dos materiais xeolóxicos da mina van xerar drenaxes ácidas e mobilizar metais tóxicos”. Segundo Adega, os novos informes incorporados ao proxecto da mina de Touro confirman as súas denuncias: “Todo o proxecto mineiro foi construído sobre unha mentira e debe ser rexeitado”.
 

A asociación ecoloxista explícase nun comunicado remitido aos medios de comunicación: “Con 33 anos de retraso, Explotaciones Gallegas, S.L. Vén de solicitar á Xunta o permiso de vertedura da balsa de Bama. Esta balsa verte intermitentemente augas contaminadas ao rego de Pucheiras, procedentes das escorrentías interiores do complexo”.

 

Adega entende que a empresa recoñece de xeito implícito “os vertidos de augas contaminadas durante décadas e sen autorización” e, como sen querer, ofrece “outras revelacións chaves para o conxunto do proxecto”, fortemente contestado pola poboación do lugar e máis alá.

 

De feito, noutro tramo da documentación técnica asociada aos citados vertidos admítese “a necesidade de xestionar e tratar 'as augas de escorrentía circulantes a través das superficies afectadas pola anterior actividade mineira', ás que denominan 'augas brutas”. Segundo Adega, estas augas brutas transportan “unha alta carga contaminante debido á natureza dos materiais afectados pola actividade mineira”.

 

Explotaciones Gallegas recoñece nos mencionados textos que “a case totalidade dos materiais son potenciais produtores de sistemas con augas hiperácidos e en menos dun 10% e, só se son separadas en orixe do resto de materiais ricos en S reducido podería considerarse que o risco de hiperacidificación sexa mínimo”.

 

“Estas revelacións”, sinala Adega, “supoñen a constatación de que máis do 90% dos materiais da mina de Touro darán problemas de acidez e de mobilización de metais tóxicos”.

 

Mobilizacións


As constantes mobilizacións cidadás contra o proxecto mineiro de Touro acadan así novos argumentos. Para Adega, “estas revelacións teñen unha repercusión capital non só para a regularización da actual situación da mina (verteduras sen tratar) senón que condicionan a viabilidade do proxecto de explotación no seu conxunto”.

 

Ate agora, a compañía afirmara que volume de materiais estériles que xerarían drenaxes ácidas sería arredor do 50% ou menos. Nos novos documentos, como apuntaba Adega nas súas alegacións, vese que esas drenaxes ácidas sería xeradas pola práctica totalidade dos vertidos.  “Todas as medidas de tratamento dos estériles, as de contención e mitigación da drenaxe ácida e as propostas de restauración son incorrectas e ineficientes”, explica a asociación.

 

Asía as cousas, Adega esixe á Xunta e ás consellarías competentes unha declaración de impacto ambiental desfavorábel e “deneguen definitivamente o proxecto mineiro de Touro”.