Mina Touro-O Pino Non concéntrase ante a ameaza “dun novo Prestige”

[Imaxe: @milacastross]

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non concentrouse na mañá do domingo na Alameda de Santiago de Compostela para volver facer visíbel o seu rexeitamento ao proxecto mineiro que afectaría a comarca.

Mina Touro-O Pino Non deslocouse na mañá do domingo á alameda compostelá para volver amosar o seu rexeitamento ao macro proxecto de mina que Cobre San Rafael proxecta na zona. As veciñas e veciños alertaron na mobilización de que a contaminación constitúe “a ameaza dun novo Prestige” para o río Ulla e para a ría de Arousa.

 

O colectivo explica que a reapertura da mina a ceo aberto “afectaría moi gravemente a calidade de vida e a saúde da cidadanía, o medio ambiente e, tal e como denunciou recentemente ICOMOS, órgano asesor da UNESCO, o propio Camiño de Santiago”. O proxecto, sinala a plataforma, sitúase a “800 metros” do Camiño Francés ao seu paso polo Pino.

 

A entidade fai fincapé no perigo que suporían as balsas de lodos tóxicos, “da altura das torres da catedral de Compostela”, ao advertir de que no proxecto “non hai nada que contemple” posíbeis fisuras.

 

A plataforma volve reclamar que a Xunta emita “un non definitivo a este proxecto”.