CONTAMINACIÓN

A balsa da antiga mina de Touro desborda cara a un afluente do Ulla

[Imaxe: Plataforma Mina Touro O Pino Non] Vehículos das forzas de seguridade na zona próxima á balsa

Novo desbordamento na balsa de Bama da antiga mina de Touro malia un ano de reiteradas denuncias por parte da Plataforma Mina Touro O Pino Non e de, cando menos, dúas multas. A entidade advirte de que a balsa verteu cara a un afluente do río Ulla após desbordar.

A balsa mineira de Bama volveu desbordar, como acontece cada vez que chove de maneira abundante, e volveu verter cara ao río Brandelos, afluente do Ulla. Denúnciao a Plataforma Mina Touro O Pino Non, que nos últimos meses puxo en coñecemento de Augas de Galiza e dos medios de comunicacións situacións como a acontecida o pasado sábado, 15 de decembro.

 

A entidade asegura que Augas de Galiza multou, cando menos dúas veces, a concesionaria Explotaciones Gallegas, con sancións de 30.000 euros e 20.000 euros, polos mesmos feitos. Porén, “a situación segue a repetirse, pois nin a empresa nin a Administración tomaron ningún tipo de medida que evite ou minimice novas verteduras de lixiviados contaminantes desde a antiga mina de Touro”.

 

Premios baixo sospeita

 

“O que si se repiten, inexplicabelmente, son os premios a TEN S.L., a empresa encargada da suposta rexeneración dos terreos da mina, en certames nos que participan como membros do xurado, curiosamente, organismos da Xunta”, advirte a plataforma, que asegura que continuará denunciando o desbordamento da balsa “até que se reverta a situación”. Os colectivos que fan parte da rede poñen de manifesto que a Xunta “en ningún caso pode dar luz verde ao novo proxecto mineiro de cobre a ceo aberto, que só viría a rematar de contaminar os nosos ríos e terras”.