De novo na rúa pola sanidade pública

A manifestación do 10 de febreiro en Compostela reuníu sindicatos, plataformas e colectivos en defensa da sanidade de toda Galiza (Imaxe: GZ Contrainfo)
Esta segunda feira a plataforma SOS Sanidade Pública apoiará en Verín as reivindicacións da poboación, en contra do peche do paridoiro e das emerxencias pediátricas no hospital comarcal. A plataforma propón unha grande mobilización a nivel galego que aúne as demandas de persoal sanitario, pacientes e sindicatos. "Queremos unha manifestación centrada nas pacientes", reclaman as Enfermeiras Eventuais en Loita.

PAC en pé de guerra, Enfermeiras e Facultativos Eventuais en Loita ou o simbólico funeral do paridoiro de Verín. Para o voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, as demandas e manifestacións destes colectivos teñen un punto de encontro no desmantelamento da Atención Primaria galega e dos hospitais comarcais.

Coas protestas de Verín no centro, a plataforma vén de anunciar reunións o 12 de decembro para valorar unha manifestación a nivel galego.“Temos moito en común, é necesaria unha manifestación conxunta”, explica a voceira de Enfermeiras Eventuais en Loita Catuxa Lagarón a Sermos Galiza.
 
Contra a recentralización
Pablo Vaamonde, médico do Centro de Saúde de Labañou (A Coruña) e autor dos extintos Cadernos de Atención Primaria, debulla no seu portal persoal o contexto da base da sanidade galega desde a chegada de Núñez Feixoo á Xunta en 2009: “A paralización do Plan de mellora da atención primaria, o desmantelamento das Xerencias de AP para integralas nas xerencias hospitalarias (EOXI) e a eliminación de Áreas Sanitarias (a Lei de Saúde do PP suprimiu catro, pasando de 11 a 7) provocaron que os hospitais comarcais perdesen autonomía de xestión”.

“Hai unha clara intencionalidade política de desmantelar a AP e de concentrar o poder e o control dos orzamentos nos grandes hospitais, dirixidos por xerentes próximos ao poder político”, afirma Vaamonde.

“Agora todo ten que pasar pola xerente da EOXI, que ten o seu despacho nun dos grandes hospitais da prioridade as súas necesidades”, afirma Marian Cangas, da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza en declaracións a este medio. “Cando hai facultativas que se trasladan ou xubilan, as prazas non se volven ofertar como interinidades, nin saíron a concurso de traslados ou oposicións”, denuncia. 

Sen persoal
Manuel Martín describe unha folla de ruta que remata na privatización de servizos. “Os obxectivos dos recortes son tres: aforrar cartos, continuar coa política centralizadora do PP e abrir o espazo á sanidade privada”, denuncia. Esta, indica, concentra esforzos “nos hospitais con poucas camas, nos que se ofrecen intervencións cirúrxicas sinxelas, cun beneficio alto”.

Segundo Martín as necesidades da Atención Primaria non se limitan a máis facultativos e máis tempo por paciente. “50% das pacientes teñen doenzas psicolóxicas ou psicosomáticas que non se atenden por falta de psicólogas e 30% delas precisarían dos servizos dunha fisioterapeuta; tampouco hai logopedas nos centros de saúde”, denuncia.

No imaxinario social os postos de traballo ligados á Administración Pública reúnen dúas características: estabilidade laboral e salarios dignos. As Enfermeiras Eventuais en Loita vestiron de negro durante unha Oferta Pública de Emprego o pasado mes de maio para dar unha volta a este “mito”. “É certo no caso de persoal cunha praza fixa, mais nós estamos presas da Xunta. Encadeamos contratos temporais, vivimos as 24 horas e os 365 días do ano pendentes do teléfono móbil”, denuncia Catuxa Lagarón. En 2014, a CIG denunciou que a Xunta de Galiza asinou arredor de 100.000 contratos por días. Algunhas das enfermeiras eventuais con máis antigüidade acumulan máis de 500 contratos.

“Durante as nosas mobilizacións recibimos a solidariedade das pacientes cando lles explicamos a situación. Comprenden que as nosas peticións son para que reciban unha atención digna e de calidade. Queremos unha manifestación que centre a loita nas pacientes, en quen reverte a precariedade das profesionais e do sistema”, reivindica Lagarón.