Atención Primaria pecha dúas xornadas de paro cunha «alta participación e as expectativas cumpridas»

Persoal médico da área sanitaria de Vigo en folga.
Após dúas xornadas de paro, a Asemblea Galega de Áreas Sanitarias ve «cumprida de forma ampla as súas expectativas». As convocantes recoñecen unha alta participación e esperan que a Consellaría «mova ficha» o antes posíbel.

As convocantes do paro en Atención Primaria consideran «cumprida de forma ampla» as súas expectativas. Así o recoñeceron en declaracións a Europa Press representantes da Asemblea Galega de Áreas Sanitarias.

Despois de dous días de folga e dunha «participación grande» por parte das médicas e pediatras do servizo de Atención Primaria, o colectivo espera que a Consellaría de Sanidade «tome medidas» canto antes. De non o facer, asegura, «nos próximos anos a situación será peor en Vigo e en toda Galiza».

A área sanitaria de Vigo é un dos territorios máis castigados pola falta de recursos. Se Sanidade non toma medidas nos próximos anos a situación irá a peor en toda Galiza.

Precisamente, as convocantes destacan a alta participación na folga do persoal médico da área sanitaria de Vigo, segundo din, un dos territorios máis castigados pola falta de recursos. Nesa zona, a destes días foi o terceiro paro convocado no que vai de ano, o segundo no resto do país.

Na área viguesa, o seguimento foi de 88%, «cinco puntos máis que durante a primeira xornada»; de 39% na de Lugo, e de 62,5% na de Ferrol. «A vontade do colectivo de médicas non cambia dunha xornada para outra», indicaron.

Mover ficha

Neste sentido, a Asemblea Galega de Áreas Sanitarias espera que a Consellaría «analice» todos os aspectos denunciados durante a folga sobre a situación nas consultas de Atención Primaria na Galiza. Segundo din, queda claro que «non era unha invención», senón unha realidade que cómpre «paliar canto antes».

O vindeiro día 4 de decembro a Asemblea de Áreas Sanitarias presentaranlle á Consellaría o resultado das súas comisións de traballo. Ademais destes informes, Sanidade conta xa coas propostas do comité de expertos en Atención presentada baixo o título «Por unha Atención Primaria vertebradora do sistema de saúde». Con todas estas ideas, e após a mobilización do persoal médico da Galiza, o colectivo espera que a Administración «mova ficha».

De momento, o Sergas tan só se pronunciou para destacar que os datos de seguimento da folga desta quinta feira, 28 de novembro, foron «similares» aos da primeira xornada de paro. A convocatoria, di , foi secundada por 15,1% do persoal de Atención Primaria, «a metade» do apoio que conseguiu o mesmo chamamento no mesmo de xuño.