Desmantelamento de hospitais comarcais após a Lei de Saúde de Galiza

Manifestación en Burela no mes de marzo para demandar melloras nos servizos sanitarios da comarca (Imaxe: PSdeG)
Sindicatos, profesionais sanitarios ou plataformas en defensa da sanidade pública sinalan que a situación do Hospital de Verín é consecuencia da supresión das áreas sanitarias que aprobou a Lei de Saúde de Galiza. O desmantelamento dos centros hospitalarios comarcais, denuncian, é un paso máis na centralización dos servizos nas urbes e na privatización da sanidade. "No Hospital da Costa houbo arredor de 400 nacementos o pasado ano, poderían empregar o mesmo argumento que en Verín para pechar o paridoiro", denuncia a plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña.

En 2017 cidadanía e profesionais da saúde manifestábanse na rúa para protestar contra a remodelación do mapa sanitario debuxado polo Goberno galego. A Lei de Saúde da Galiza, aprobada no mes de decembro, borrou catro áreas sanitarias- o Salnés, a Mariña, a de Monforte de Lemos e a de Valdeorras-, incluíndoas en macroáreas que teñen como referencia os hospitais de maior envergadura e con servizos especializados das grandes urbes galegas. Desde entón sucedéronse as mobilizacións e sindicatos, profesionais e plataformas en defensa da sanidade denuncian que esta norma foi o primeiro paso no desmantelamento de hospitais comarcais como o de Verín.

“Sempre afirmamos que a intención do Partido Popular era centralizar a asistencia nos grandes complexos sanitarios e desmantelar os comarcais, hoxe as nosas denuncias estanse a cumprir”, lamenta a delegada nacional de CIG-Saúde María Xosé Abuín en declaracións a Sermos Galiza. “Tamén denunciamos que o plan de ordenación de recursos humanos aprobados pola Xunta forzou a xubilación de profesionais aos 65 anos sen planificar a súa substitución”, engade.

Montse Porteiro, integrante da Plataforma en Defensa da Sanidade na Mariña, declara a Sermos Galiza que as políticas da Xunta están encamiñadas a un “hospitalcentrismo”. “Cando se aprobou a Lei de Saúde sinalamos que a Mariña deixaba de ter independencia, pasando a ter un hospital de referencia situado a máis de cen quilómetros de distancia", denuncia.

Vicente Vázquez traballa no Hospital Comarcal de Monforte e pertence á plataforma comarcal en defensa da sanidade. Explica que a supresión da área foi “terríbel” para as comarcas. “Ademais da falta de persoal, este ano suprimiron o posto de subdirección de xestión en todos os hospitais comarcas, que se encarga de xestionar os seus orzamentos”, declara a Sermos Galiza.

Sen especialistas

A Xunta e o Sergas argumentan que moitas das prazas de especialistas non se cobren por faltas de profesionais. En Verín, traballadores do Hospital sinalan que as especialistas da Área Sanitaria de Ourense non queren desprazarse polas comarcas do interior, motivando a concentración dos servizos no hospital da cidade das Burgas.

“O PP aprobou un estatuto marco que recolle que o nomeamento dun profesional é nunha praza de área sanitaria. Antes eu tomaba posesión de praza en Ourense e atendía nesa área, hoxe tería que desprazarme a Verín ou ao Barco. É normal que os profesionais non queiran. O que hai que facer é incentivar aos profesionais, con medidas como a puntuación adicional que compense o traballo en zonas máis illadas ou periféricas, con cursos de formación e outras compensacións para eses profesionais”, incide Abuín.

O peche de servizos por unha suposta falta de especialistas é unha tónica que se repite en Monforte ou na Mariña. Vázquez denuncia que a situación do centro monfortino é cada vez máis precaria. “Levamos tres anos sen cubrir unha das prazas en medicina dixestiva, e o especialista da outra praza está a piques de xubilarse. A maiores unha das cardiólogas está de baixa e non a substituíron”, denuncia. “A folla de ruta da Xunta é eliminar as especialidades dos hospitais comarcais, pois supón un grande aforro”, declara.

"Hoxe en día, no Hospital da Costa houbo arredor de 400 nacementos o pasado ano, poderían empregar o mesmo argumento que en Verín para pechar o paridoiro", alerta Montse Porteiro.

Cidadanía de segunda

“A eliminación das áreas sanitarias fíxose nos hospitais máis periféricos, os máis afastados dos grandes hospitais de referencia. É un agravio para a poboación, convírtenos en usuarios e usuarias de segunda categoría. Temos os mesmos dereitos que unha persoa que vive en Lugo, en Compostela ou en Coruña. Non estamos a pedir servizos moi especializados, demandamos os servizos básicos”, demanda Montse Porteiro.

Temos os mesmos dereitos que unha persoas que vive en Lugo, demanda Montse Porteiro

María Xosé Abuín denuncia que a Xunta está a incumprir o principio de equidade na accesibilidade á sanidade pública. “A xente ten un acceso a sanidade en función de onde resida, con grandes penalizacións para as poboacións máis illadas ou para as persoas maiores que non se poden desprazar”, sinala. “En comarcas como a de Valdeorras non hai transporte regular con Ourense, o cal implica que hai persoas que teñen que durmir na cidade para ser atendidas en consulta”.