Estabilizado o incendio no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés mentres segue activo o fogo nos canóns do Sil
A Consellaría do Medio Rural informou este domingo da situación dos incendios forestais rexistrados na Galiza con datos recollidos até as 14 horas. As principais novidades son que o incendio do Bolo-Vilaseco quedou extinguido tras afectar unha superficie de 273 hectáreas, e que ao longo desta noite rexistrouse un fogo en Lobios-Río Caldo, dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Tras iniciarse ás 5.09 horas deste domingo, os medios de extinción lograron estabilizar ao longo da xornada un incendio forestal no concello de Lobios (Baixa Limia), parroquia de Río Caldo. Segundo as estimacións, afecta arredor de 3,5 hectáreas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse 11 axentes, 17 brigadas, nove motobombas, tres helicópteros e dous avións.
Ás 14.16 horas da pasada quinta feira comezou o incendio forestal rexistrado no concello de Pantón (Terra de Lemos), na parroquia de Pombeiro, que actualmente avanza polos canóns do Sil e no que se mantén activa a Situación 2 de forma preventiva pola proximidade das chamas ás vivendas.
Segundo as últimas medicións tomadas desde o terreo afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober (Terra de Lemos). Para a súa extinción mobilizáronse, de modo acumulado, 20 técnicos, 110 axentes, 142 brigadas, 92 motobombas, nove pas, seis unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 12 avións. Neste incendio mobilizáronse tamén efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Por outra parte, desde as 12.10 horas deste domingo permanece estabilizado o incendio forestal no concello da Fonsagrada, na parroquia do Trobo, iniciado ás 2.25 horas do sábado e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 12 axentes, 21 brigadas, 13 motobombas, unha pa e tres helicópteros.
Extinguido o incendio do Bolo
Ás 1.31 horas deste domingo quedou extinguido o incendio forestal do concello do Bolo (Valdeorras), na parroquia de Vilaseco, no que se desactivou a Situación 2 decretada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz, medida que se tivo que reactivar na tarde da sex feira tras empeorar as condicións meteorolóxicas.
Este lume, que comezou a quinta feira ás 23.47 horas, afectou finalmente unha superficie de 273 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de modo acumulado, tres técnicos, 23 axentes, 42 brigadas, 26 motobombas, tres pas, dúas unidades técnicas de apoio, seis helicópteros e 11 avións. Neste incendio mobilizáronse tamén efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado o fogo en Barreiros
Segue controlado desde a pasada terza feira ás 21.59 horas o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros (A Mariña), na parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o domingo 14 ás 16.14 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de modo acumulado, oito técnicos, 85 axentes, 118 brigadas, 94 motobombas, catro pas, dúas unidades técnicas de apoio, sete helicópteros e dous avións.
