Novo avance na loita contra o cancro: Investigadores da UVigo identifican unha vulnerabilidade chave na resistencia dalgúns tumores aos fármacos
A investigación, publicada na revista Nature Communications, pon o foco na capacidade das células tumorais para preparar o seu ADN para defenderse dos fármacos.
Investigadores do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (Cinbio) da Universidade de Vigo, liderados por María Mayán, descubriron un novo mecanismo molecular capaz de restrinxir a capacidade das células tumorais para preparar o seu ADN, unha das principais formas de defensa fronte aos fármacos.
Un dos avances máis relevantes na investigación oncolóxica foi o descubrimento de mutacións e o desenvolvemento de terapias dirixidas a loitar contra elas, como a mutación BRAFV600E, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en determinados cancros de colon, pulmón ou mama. Con todo, e a pesar dos avances nos tratamento, aínda hai unha alta porcentaxe de pacientes que son resistentes aos mesmos e, entre os que si responden, entre un 60 e un 80 % acaban desenvolvendo resistencia.
Por iso, o descubrimento do equipo de Mayán supón un avance importante. A investigación, baixo o título "Cx43 enhances response to BRAF/MEK inhibitors by reducing DNA repair capacity" acaba de ser publicada na revista científica Nature Communications, e identifica a proteína conexina 43 como unha nova e potente diana terapéutica capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos, ou mesmo revertela unha vez que se produciu.
Trátase, subliñou a investigadora principal, dun proxecto multidisciplinar e internacional froito de sete anos de traballo e de colaboración entre unha vintena de centros, e que contou co financiamento da UE a través do programa Horizon 2020, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e da Xunta da Galiza.
O traballo revela por que as células tumorais se desfán da proteína conexina 43 para poder sobrevivir e como, ao restaurala, os tumores poden ser conducidos á morte celular. Deste xeito, esta proteína "actúa como un freo, obrigando a célula para usar vías de reparación alternativas moito menos eficaces e, como resultado, o dano acumúlase até un punto insostíbel, provocando que a célula entre nun estado de non proliferación ou directamente morra".
Este efecto multiplícase ao combinalo con fármacos que tamén danan o ADN das células tumorais, como os inhibidores de BRAF/MEK, desencadeando o que se coñece como "letalidade sintética". Baseándose nestes resultados, as investigadoras e os investigadores deseñaron e patentaron unha innovadora estratexia terapéutica para levar a conexina 43 ao núcleo das células tumorais.

