Xornalismo

O persoal da CRTVG volverá mobilizarse ante o Parlamento na sesión na que a oposición pedirá "reprobar" Sánchez Izquierdo

O director xeral dos medios públicos da Galiza, Alfonso Sánchez Izquierdo. (Foto: CRTVG)
O comité intercentros prosegue as protestas, baixo o lema 'Non máis abusos', cunha concentración esta terza feira diante do Pazo do Hórreo, coincidindo coa votación no interior do recinto de dúas iniciativas de BNG e PSdeG coas que urxen renovar a dirección xeral dos medios públicos e reprobar a xestión do actual responsábel.

O persoal da CRTVG está chamado esta terza feira a unha nova protesta, baixo o lema 'Non máis abusos', diante do Parlamento da Galiza. A concentración comezará ás 11 horas, coincidindo coa sesión plenaria na que BNG —perante unha moción— e PSdeG —cunha proposición non de lei— pedirán a "reprobación" do actual director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, no punto de mira das e dos traballadores.

"Queremos denunciar unha situación laboral marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión sobre as persoas traballadoras críticas coa manipulación informativa e o desmantelamento da CRTVG", sinalan desde o comité intercentros, que vén convocando diferentes actos de protesta —folga incluída— nas últimas semanas.

Nesta liña, apuntan aos recentes casos de "traslados forzosos" entre o cadro de persoal como "medida de castigo", aseguran, por mor da súa oposición á actual dirección dos medios públicos. "Son a manifestación máis recente desa situación xa insostíbel de abusos laborais á que temos que pór fin e defender a dignidade das persoas traballadoras que reclaman a obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e o pluralismo dos nosos medios públicos", precisan.

Tanto o grupo parlamentario nacionalista como a bancada socialista demandarán na Cámara non só reprobar a xestión de Sánchez Izquierdo, incidindo na "vulneración de dereitos fundamentais do persoal traballador", senón tamén iniciar o trámite parlamentario para o seu cesamento e as negociacións entre PP, BNG e PSdeG para renovar o cargo.

Xa en febreiro pasado o Bloque levara ao Parlamento unha proposta lexislativa encamiñada a modificar a Lei 9/2011, dos medios públicos, a fin de que a elección da dirección xeral sexa "democrática" e con "transparencia, luz e taquígrafos". Porén, a iniciativa foi rexeitada polo 'non' dos 42 deputados e deputadas do grupo maioritario, o 'popular'.

Pola súa parte, Alfonso Sánchez Izquierdo, cuxo mandato caducou anos atrás, ten defendido en reiteradas ocasións tanto a súa xestión como a "incuestionábel lexitimidade" á fronte da CRTVG. Neses termos expresouse na sesión da comisión parlamentaria dos medios públicos do pasado 31 de xaneiro: "Non é exixíbel a este director xeral a responsabilidade sobre o desenvolvemento da lei que recae en terceiros. Por que non chegan a consenso para cambiar a este director xeral?".

Tamén na súa última intervención no Parlamento galego, na comisión decorrida o pasado 31 de marzo, defendeu, preguntado polos "traslados forzosos" que denuncian os traballadores, que cambiar o persoal dun posto a outro "non é represaliar, é avanzar; non é degradar, é reforzar".