Nova polémica coa TVG: Emite a pregunta dunha canle de 'Youtube' de extrema dereita durante unha exhumación de vítimas do franquismo

A ministra Ione Belarra, na fosa de Colmenar Viejo. (Foto: Europa Press)
Xornalistas e colectivos denuncian o "seguidismo da ultradereita".

O informativo do mediodía da Televisión da Galiza (TVG) emitiu unha noticia sobre os traballos de exhumación que se están a levar a cabo nunha fosa común situada no municipio madrileño de Colmenar Viejo, onde se calcula que están sepultadas máis de cen vítimas do franquismo.

A fosa común recibiu a visita esta cuarta feira da ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, e do ministro de Presidencia e Memoria Democrática, Félix Bolaños, que anunciou que o Goberno español financiará a segunda fase dos labores de exhumación, unha vez que a primeira fase permitiu localizar 11 dos 108 cadáveres que alí se poden atopar.

No corte de vídeo incluído pola TVG na noticia, que recolle as declaracións aos medios de Belarra, só se pode ver a intervención dun integrante do canal de You Tube de extrema dereita Estado de Alarma TV (EDAD TV), dirixido por Javier Negre.

Na intervención desta persoa, que a TVG emite íntegra, cuestiona á ministra pola visita á fosa común. “Xa que están visitando as vítimas da guerra, teñen pensado ver os españois que morreron en Paracuellos ou en Cabra?”, pregunta o integrante de EDAD TV, ao que que a ministra de Dereitos Sociais resposta cun conciso “vou responder aos medios de comunicación”.

Reaccións nas redes

Unha vez que a noticia emitida nos informativos da TVG chegou a coñecemento das redes sociais, foron moitas as reaccións en desaprobación. O colectivo de traballadoras do ente público de comunicación Defende a Galega denunciou que “unha canle dixital pregunta, a TVG fai a peza. E a noticia, onde quedou? Isto non é xornalismo, é facer seguidismo da ultradereita!”.

O xornalista Alfonso Hermida, un dos máis críticos coa situación da CRTVG, citou un chío de Javier Negre sobre o episodio ocorrido en Colmenar Viejo, facendo referencia a que o vira na TVG, e asegurando que “aínda” non se lle pasara “a indignación e a tristeza”.

Pola súa parte, a deputada do PSdeG no Parlamento galego Noa Díaz afirmou que a TVG “pasou todos os límites” ao “dar voz á extrema dereita nunha peza informativa sobre a exhumación de fosas”. “Vergoña e indignación! Por suposto, pediremos explicacións no Parlamento”, engadiu.