A nova Lei do aborto acabará coa "reflexión obrigatoria" de tres días

A norma tratará a saúde sexual. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Maiores de 16 anos accederán de forma autónoma ao aborto coa reforma da Lei proposta polo Ministerio de Igualdade. Unha norma que tamén incluíra medidas para garantir o dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo.

A reforma da Lei estatal do aborto incluiría o acceso “autónomo” a partir dos 16 anos, a eliminación dos tres días de reflexión ou un sistema para a obxección de conciencia semellante ao que se aplica na Lei da eutanasia, subliñou esta cuarta feira a titular do Ministerio de Igualdade, Irene Montero.

Na comparecencia perante a Comisión de Igualdade no Congreso, Montero defendeu que unhas das tarefas do Executivo estatal é “blindar o dereito ao aborto na sanidade pública”.

Entre as medidas que adiantou da normativa, salientou a creación dunha liña telefónica especializada en dereitos sexuais e reprodutivos na que se informará do procedemento e dos dereitos cos que contan as mulleres afectadas.

Asemade, fixo énfase en que procuran que “as adolescentes de entre 16 e 18 anos poidan acceder” á interrupción voluntaria do embarazo “de forma autónoma”, incidindo en que se “son responsábeis para traballar ou para ter relacións sexuais, sono para decidir sobre os seus corpos”.

Á hora de efectuar o aborto, a ministra sinalou que queren garantir que nos servizos de xinecoloxía e obstetricia dos centros públicos as mulleres poidan acceder a este tratamento, respectando o dereito á obxección de conciencia das e dos profesionais médicos por medio dun rexistro.

Ademais, a norma permitirá á muller escoller o método para levar a cabo o aborto, unha vez informada no centro de saúde, e “inmediatamente poderá ser derivada a un centro hospitalario para acceder a este dereito por un procedemento de urxencia, eliminando os tres días de reflexión obrigada” que marca a Lei actual. “Toda muller que decida abortar deberá poder facelo sen ningún tipo de obstáculo nin prexuízo”, apuntou.

Saúde sexual e reprodutiva

No proxecto, o Ministerio tamén incluirá un paquete de medidas arredor da saúde sexual e reprodutiva da muller, como unha mellora da atención, un impulso no recoñecemento do permiso maternal preparto, e mais actuacións para previr e erradicar a violencia xinecobstétrica.

“A saúde menstrual pasará a ser un estándar determinante á hora de valorar o acceso á saúde das mulleres, e garantila será unha obriga do Estado e dos poderes públicos”, asegurou Montero, que avanzou que se abordará o prezo dos produtos de primeira necesidade, para a meirande parte das mulleres “enormemente 
custosos”, concluíu.