A Cámara exixe que se garanta o dereito ao aborto na sanidade pública

O BNG denuncia trabas á interrupción do embarazo na sanidade pública. A deputada nacionalista Olalla Rodil criticou que actualmente unha muller que toma a decisión debe agardar tres días por se camvia de idea e no suposto de continuar co proceso é derivada a unha clínica privada directamente

Rodil durante o debate do estado da nación. (Foto: BNG) #aborto #bng #olallarodil
photo_camera Rodil durante o debate do estado da nación. (Foto: BNG)

A Cámara galega instou esta terza feira o Goberno galego a "adoptar as medidas necesarias" para garantir que as mulleres poidan exercer, "con todas as garantías", o dereito ao aborto no sistema público de saúde. Así figura na iniciativa presentada polo BNG e que contou co apoio dos restantes grupos da Cámara (PP e PSdeG). 

A deputada do Bloque Olalla Rodil, que defendeu a proposta, responsabilizou a Xunta e a alta inspección do Ministerio de Sanidade de incorrer "en irregularidades" á hora de tramitar as obxeccións de conciencia dos profesionais médicos. 

70% de abortos, na privada

Rodil explicou que na actualidade unha muller que decida interromper o seu embarazo e tras informar o centro de saúde da súa decisión, debe agardar tres días por se decide o contrario e no suposto de continuar co proceso é derivada a unha clínica privada directamente.

En 2020 producíronse na Galiza 2.490 abortos. Deles, 2.285 (91,7% do total) efectuáronse en centros extrahospitalarios, dos que 1.868 foron realizados na sanidade privada, "é dicir, 7 de cada 10 abortos practicados na Galiza foron na privada", expuxo Rodil. Nese sentido, preguntou por que despois de dez anos de ser aprobada a Lei de prazos para a interrupción voluntaria do embarazo, son "as clínicas privadas as que levan a cabo a práctica totalidade dos abortos na Galiza" cando Balears garante este dereito na sanidade pública con máis da metade de abortos, seguida de Catalunya, con 49%.

Supostamente, dixo, débese á obxección de conciencia das e dos profesionais que se negan a practicar un aborto apelando a un conflito ético e ou moral.

"Un conflito que obedece aos seus sentimentos e crenzas, fundamentalmente relixiosas", dixo a deputada, para sinalar que a obxección está contemplada na lei e mesmo protexe o persoal de farmacias para negarse a vender a píldora do día despois. "E este é o panorama actual", lamentou, "hai farmacias que se negan a vender preservativos por razóns ideolóxicas".

Rodil reclamou que a obxección de conciencia non sexa un impedimento para o exercicio do dereito ao aborto na sanidade pública.

Mais tamén, engadiu, "non pode ser impedimento a falta de recursos humanos e materiais nos Centros de Orientación Familiar e nos hospitais", cuestión da que responsabilizou a Xunta polos seus recortes. 

Comentarios