A maioría do Tribunal Supremo dos EUA, disposto a limitar o aborto

Unha querela do Estado de Mississipi podería, coa incorporación de dous maxistrados e unha maxistrada durante a presidencia de Donald Trump ao Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América, dificultar a realización de abortos. A decisión daríase a coñecer en xuño de 2022.
Protestas diante o Tribunal Supremo dos EUA (Brian Cahn / ZUMA Press Wire / dpa)
photo_camera Protestas diante o Tribunal Supremo dos EUA (Brian Cahn / ZUMA Press Wire / dpa)

O Tribunal Supremo (TS) dos Estados Unidos de América (EUA) podería aprobar unha importante limitación dos dereitos ao aborto nese país aproveitando a súa actual maioría conservadora.

A actual lei, estabelecida en 1973 e denominada Roe v. Wade, avala até agora que os Estados non poidan prohibir o aborto antes do punto de viabilidade fetal, que estiman, en xeral, entre as 22 e as 24 semanas de embarazo. 

Unha querela do Estado de Mississipi contra a única clínica que practica a interrupción do embarazo nese período legal chegou agora ao Supremo e ameaza con reducir ese período ás 15 semanas.

Nun principio, esta mesma sexta feira podería ter lugar a votación, aínda que o resultado chegaría en xuño ou en xullo, segundo The Washington Post, antes do remate do curso xudicial. 

Maioría conservadora no actual Supremo

A decisión que tome o TS non só afectaría ese caso. Serviría para sentar un precedente que abriría outros litixios nos Estados máis conservadores.

A actual composición deste alto tribunal, após as incorporacións de Neil M. Gorsuch, Brett M. Kavanaugh e Amy Coney Barrett realizadas por Donald Trump, deixan en seis os votos o sector máis conservador fronte os tres no máis progresista. 

Nas declaracións realizadas por parte de maxistradas e maxistrados esta semana percibiuse a polaridade dunha determinación que podería deixar en mans dos propios Estados a última palabra sobre o tema.

A parte liberal do TS sinalou que a decisión final podería danar a propia reputación da institución, tendo en conta que só este ano tribunais inferiores promulgaron máis de 100 leis que limitan o dereito ao aborto.

Comentarios