A nova Lei da auga encarece as tarifas e deriva aos concellos obrigas da Xunta

Estación depuradora da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)

A Lei do ciclo da auga chega a próxima semana ao Parlamento para a súa tramitación dous anos despois da presentación do anteproxecto e após recibir ducias de alegacións por parte de Administracións e entidades. O BNG e o PSdeG presentaron emendas de devolución a unha norma "recadadora" e "invasiva". 

O Consello da Xunta do pasado  10 de marzo autorizou a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que agora chega ao Parlamento galego para a súa tramitación. Unha norma que a Consellaría de Infraestruturas defende para avanzar cara a unha "xestión profesionalizada do abastecemento, do saneamento e da depuración".

Unha defensa en solitario, pois nin a oposición no Parlamento, nin outras Administracións implicadas —Concellos e Deputacións— nin sequera o Consello Económico e Social (CES) acaban de ver con bos ollos o proxecto presentado. De feito, o propio Goberno galego vén de ter que reformular puntos da lei para excluír as Deputacións do cofinanciamento das obras contempladas na norma após as protestas de entidades provinciais.

O proxecto de lei que chega ao Parlamento, perto de 200 páxinas, mantén non poucos artigos que xeran preocupación e dúbidas por parte das entidades antes mencionadas e nas que basean as emenda de devolución presentadas tanto o BNG como o PSdeG, emendas ás que tivo acceso Nós Diario. 

Maior carga fiscal

O principal temor recae en se con esta nova lei persoas usuarias e contribuíntes van pasar pagar máis pola factura da auga. A Consellaría négao mais o persoal técnico da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) estimou que “nunha familia de tres membros cun consumo de ao redor de 39 metros cúbicos, a factura aumentaría por volta de 60%".

Na memoria económica do proxecto contémplase un incremento da carga fiscal cun aumento da recadación de Augas da Galiza a través, por exemplo, do canon de xestión de depuradores, que prevé uns ingresos no primeiro ano de 12 millóns de euros fronte aos 5,8 actuais.

Por situar dous exemplos que figuran na propia memoria, en Gondomar pasaríase de pagar 44.000 euros a 505.000 e no caso de Ribadeo ese salto sería de 143.000 a 407.000.

Derivar competencias

O segundo punto de preocupación fai referencia a que este proxecto vai derivar nas entidades locais e Concellos obrigas e  competencias do Goberno galego. Ao que se chega sen haber antes "diálogo nin debate" por parte da Xunta, sinala a formación socialista na súa emenda. o BNG, pola súa parte, alega "falta de participación e diálogo" por parte da Xunta co resto de axentes implicados no ciclo da auga, o que leva a que a norma sexa unha "imposición unilateral".

O proxecto de lei tamén estabelece toda unha serie de obrigas a cumprir polos Concellos nun limitado prazo de tempo, desde adaptar instalacións a realizar auditorías e controis, o que desde a oposición consideran "abafante" e difícil de realizar por entidades municipais nun contexto como o actual.

A Xunta dispón de competencias plenas en depuración de augas residuais desde 2001 mais  até o de agora, dúas décadas despois, non elaborou ningún plan de xestión integral do ciclo da auga. E o proxecto que chega ao Parlamento faino envolto en críticas e polémica.