A Fegamp desmente a Xunta: a Lei da auga si suporá un aumento da factura para as familias

A Federación Galega de Municipios e Provincias reafírmase en que o proxecto da Lei da auga que prepara a Xunta encarecerá o recibo para as familias e denuncia unha “filtración con intencionalidade política dunha acta de traballo” que a Xunta empregou para dicir que a súa Lei non incrementará a factura. O BNG acusa a Xunta de “filtrar datos falsos”.

A Fegamp reafírmase en que a Lei da auga repercutirá na factura (Foto: Mihail)
photo_camera A Fegamp reafírmase en que a Lei da auga repercutirá na factura (Foto: Mihail)

A Federación  Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) reafírmase en que, "tal e como está”, o proxecto da Lei do ciclo integral da auga da Xunta da Galiza si “suporá un encarecementos na factura para moitas familias galegas".

Nun comunicado, a Fegamp quéixase dunha "filtración con intencionalidade política" dunha acta de traballo" do persoal técnico, á vez que reclama un desenvolvemento da lei "acordado" coas entidades locais e que leve unha memoria económica.

"Ante a filtración intencionada dunha acta de traballo dos técnicos da que se supuña era unha primeira reunión de contacto para, entre outras cousas, pór en común todos os factores que poden afectar o custo da auga e axustar ese cálculo, a Fegamp aclara que na reunión quedaron claras as fórmulas empregadas e que, como consta no documento, había erros nas estimacións por ambas as partes", sinala.

Por iso, "aínda que o encarecemento da auga variará en función dos conceptos para aplicar na factura, os técnicos da Federación xa comezaron un estudo cunha mostra significativa de concellos para ter unha radiografía máis axustada de en que casos e canto pode subir a factura, documento que se porá ao dispor da Consellaría de Infraestruturas".

Igualmente, a Fegamp considera "absolutamente necesaria" unha lei que mellore a xestión da auga na Galiza, pero pide "protexer este labor de polémicas e argumentacións  tendenciosas que prexudican o traballo e inquietan a cidadanía".

Pola súa banda, fontes da Consellaría de Infraestruturas piden á Fegamp que "aclare as súas discrepancias internas", "que controle as súas filtracións se necesita facelo, pero que, en todo caso, a Presidencia da Fegamp respecte os seus técnicos e que se é verdade que consideran que esta é lei positiva, o demostr traballando construtivamente".

O BNG denuncia a manipulación dos informes e acusa a Xunta de “filtrar datos falsos”

Precisamente, no pleno do Parlamento desta semana, o BNG presentou unha moción para reclamar a retirada do anteproxecto de Lei do ciclo da auga, unha proposta rexeitada polos populares.

Durante o debate, Luís Bará (BNG) responsabilizou a Xunta de "filtrar datos falsos" antes deste debate plenario para "confundir", o que provocou o "enfado" de técnicos da Fegamp pola "terxiversación" da reunión celebrada.

Comentarios