'Nós Diario' rexeita a pretensión de Beatriz Mato de rectificar unha información por considerala veraz

O xuízo decorreu esta segunda feira no Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña. (Foto: Nós Diario)
Oponse no xulgado á intención da ex conselleira a respecto da súa relación con Greenalia.

O Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña acolleu esta segunda feira o xuízo civil pola acción de rectificación interposta contra Sermos Galiza S.A., editora de Nós Diario, e contra a directora do xornal, María Obelleiro, por Beatriz Mato, que fora conselleira da Xunta da Galiza entre abril de 2009 e outubro de 2018.

Beatriz Mato exixiu xudicialmente da editora e do xornal demandados a rectificación dunha información publicada en Nós Diario o 25 de xaneiro de 2022 na que se daba conta de tres acordos do Consello da Xunta da Galiza: un de 18 de maio de 2018 no que se declaraba o interese especial do parque eólico de Mañón; outro do 7 de xuño de 2018 no que o Consello da Xunta, do que facía parte Mato, declarou de “interese especial” o parque eólico de Ourol e outro do 6 de setembro de 2018 no que se facía a mesma declaración a respecto do parque eólico de Monte Tourado ou Alto da Croa.

Os tres citados parques foran promovidos por Greenalia, empresa á que se incorporou Beatriz Mato como conselleira a fins de 2019, menos dun ano e medio despois destas decisións.

En ambos os dous casos, a devandita declaración, consonte coa disposición adicional primeira da Lei 8/2009, que regula a explotación da enerxía eólica na Galiza, ten como efectos a tramitación de forma prioritaria, con carácter de urxencia, dos proxectos e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento, excepcionando o complexo réxime ordinario de autorización dos parques eólicos previsto nos artigos 27 a 41 da devandita Lei 8/2009.

Ademais, publicaba Nós Diario que o parque eólico de Miñón recibira un informa de impacto ambiental en 2017 da mesma Consellaría que rexía Mato e que o proxecto de planta de biomasa que Greenalia promovera no parque empresarial de Teixeiro, en Curtis, recibira no verán de 2017 un informe ambiental tamén favorábel da Consellaría de Mato, que o exonerou do trámite da avaliación ambiental ordinaria.

Neste contexto, o avogado de Sermos Galiza S.A. e da directora de Nós Diario defendera no xuízo a desestimación da demanda xudicial de Mato —cuxa pretensión se cinguía a rectificar que "Mato favorecese ou tivese favorecido Greenalia"—, con condena ao pagamento dos custos procesuais quer polos feitos substancialmente veraces; quer pola pretensión contraria a dereito —por conducirse fronte un medio de comunicación que contou a verdade fáctica— quer, cando menos, por unha pretensión constitutiva de nidio abuso de Dereito, xa que non se tenciona a rectificación dos feitos, senón de avaliacións xornalísticas que se tiran de feitos certos.

Tanto os citados acordos do Consello da Xunta como os informes de avaliación ambiental emitidos pola Consellaría daquela rexida por Beatriz Mato é evidente que produciron unha mellora cualitativa a respecto do trámite dos proxectos eólicos de Miñón, Ourol e Alto da Croa e da planta de xeración de biomasa de Curtis-Teixeiro, todas promovidas por Greenalia, onde desde final de 2019 senta Mato no seu Consello de Administración.