'Nós Diario' publica un especial sobre a pandemia o 13 de marzo. Resérvao!

Imaxes do especial sobre a Covid-19. (Foto: Nós Diario)
O suplemento especial do Sermos Galiza, de 56 páxinas, acompañará o xornal o 13 de marzo por 3 euros.

Hai un ano, o Servizo Galego de Saúde confirmaba o primeiro caso positivo polo novo coronavirus na Galiza. O primeiro dos máis de 113.000 contaxios causados polo SARS-CoV-2 rexistrados polo Sergas desde entón, en todo o territorio

O primeiro doente coñecido de Covid-19 foi un viaxeiro procedente de Madrid que chegou á Coruña para asistir a unha entrevista de traballo. Converteuse no primeiro ingreso hospitalario e na primeira oportunidade para coñecer de perto os síntomas da pneumonía provocada por un virus que axiña logrou da transmisión comunitaria que xa conquistara noutras rexións do mundo e do Estado español.

Pandemia en tempo real 

Hai xusto un ano comezaba na Galiza unha carreira contra o reloxo polo coñecemento para tratar de frear unha epidemia que aprendemos a vivir e a contar en tempo real. Investigación, prevención, diagnose, clínica, tratamento, coidados, mortalidade. Estado de alarma, confinamento, desescalada, segunda e terceira vaga, corentenas, feches perimetrais, cribados masivos.

A pegada da pandemia calculámola en cifras, mais tamén a través do testemuño e da análise de quen neste último ano traballou en primeira liña. E non só nos hospitais. Tamén nos laboratorios, nas residencias de maiores, nas casas, na rúa...

Especial 'Sermos Galiza'

Co fin de rememorar os últimos 365 días, marcados pola crise sanitaria, económica e social derivada da Covid, Nós Diario sairá á rúa o vindeiro sábado, 13 de marzo, acompañado por un especial Sermos Galiza dedicado á pandemia.

O suplemento, de 56 páxinas, recollerá a experiencia e as achegas de diferentes perfís profesionais que coa súa análise buscan explicar o impacto da Covid desde distintas perspectivas. Coincidindo co primeiro aniversario da entrada en vigor do estado de alarma que deu pé ao confinamento da poboación e a un cambio de normalidade que, mantemos, poderase adquirir a canda o xornal por só 3 euros. 

Ademais de con reportaxes e entrevistas a cargo de redactoras e redactores de Nós Diario, o especial conta coa sinatura de especialistas e profesionais da saúde, da ciencia e da investigación. A psiquiatra do Sergas Iria Veiga abrirá o suplemento cunha reflexión sobre o futuro da saúde mental, un desafío previo á pandemia que a Covid acelerou pondo ao descuberto as eivas dos servizos asistenciais.

Desde a Atención Primaria, o médico especialista Xosé María Dios revivirá o papel dos centros de saúde e dos seus profesionais na estratexia para o control do virus, unha encomenda que foi mudando co tempo mais que nunca deixaron de reivindicar.

Datos e transparencia

A importancia dos datos epidemiolóxicos, do acceso á información, aos detalles das cifras no contexto necesario para darlles sentido será obxecto de análise por parte de Daniel González Peña, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e autor do 'Semáforo Covid Galiza', mais tamén do especialista en Análises Clínicas Luís Vázquez, atento sempre á evolución da pandemia e ás pistas que deixan os números para anticiparse ao virus.

O especial Sermos Galiza sobre a pandemia recollerá a experiencia do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita desde a primeira liña da Covid, en contacto con doentes que meses despois dunha PCR positiva seguen a padecer as secuelas da enfermidade.

A neurocientífica Sonia Villapol e o psicopedagogo e mestre Guillerme Rodríguez asinan xuntos un artigo sobre a saúde física e mental das persoas afectadas cando os síntomas da Covid non desaparecen.

Investigación

A coordinadora do grupo CellCOM do Inibic, María Mayán, abordará a precariedade da I+D+i na Galiza. E a canda ela, outros dous nomes do eido da investigación, Iván Area, doutor en Matemáticas pola UVigo e Antonio Salas, experto en xenética e profesor da USC afondarán, respectivamente, na capacidade de predición dos modelos matemáticos, e na capacidade dos supercontaxiadores para espallar o virus.

E aínda máis, sobre o que aconteceu nas residencias de maiores e os retos pendentes en materia de Saúde Pública, asuntos sobre os que escribirán Paco Vizoso, epidemiólogo, e Juan Gestal, catedrático de medicina Preventiva.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.