Xornalismo

'Nós Diario' é recoñecido co Premio Moncho Valcarce

Un lector de 'Nós Diario' olla a edición de onte nun local de hostalaría de Compostela. (Foto: R. S.)
Os Premios Moncho Valcarce homenaxean "aquelas persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria persoal ou colectiva contrastada que teñan destacado na defensa dos máis desfavorecidos, do noso idioma, da nosa cultura ou da nosa identidade"

Nós Diario resultou gañador do Premio Moncho Valcarce pola promoción da Terra. O xurado destaca deste xornal o feito de ser "unha referencia necesaria e indispensábel para milleiros de galegas e galegos orfos durante tantos anos dun xornal escrito integramente en galego, independente, con información veraz e de calidade". 

A Irmandade Moncho Valcarce, que outorga o galardón, salienta que este xornal "dá espazo a persoas e colectivos marxinados en outros medios e sen dependencias de poderes políticos ou económicos". Neste sentido, tamén considera que "é fundamental a consolidación de Nós Diario como un espazo galego de comunicación centrado en e por Galiza".

Pola defensa da Terra

Pola súa parte, o Premio Moncho Valcarce pola defensa da Terra recaerá na figura de Manuel Monge González, do que se destaca a súa faceta de activista, así como de promotor e fundador de distintas entidades (Foro cívico, Comisión pola recuperación da Memoria Histórica, asociación pedagóxica Nova Escola Galega ou Galiza pola República, entre outras). O colectivo tamén valora o seu papel como colaborador en distintos medios de comunicación -entre eles Nós Diario- e a autoría de máis de 14 libros.

Así mesmo, a Irmandade Moncho Valcarce lembra que Monge González foi militante de distintas organizacións políticas -desde o ano 1994 do BNG, forza coa que foi elixido concelleiro na cidade da Coruña durante un mandato-.

Desta maneira, Nós Diario e Monge González únense a un grupo das 38 entidades e persoas que resultaron galardoadas co Moncho Valcarce. Colectivos galegos de prestixio como a Asociación Socio Pedagóxica Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, o Museo do Pobo Galego ou o grupo musical A Quenlla xa foron premiados antes con este galardón.

Pola súa parte, a nivel individual, foron homenaxeadas figuras senlleiras do país como Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Xosé Chao Rego, Manuel Caamaño, Camilo Nogueira ou Xosé Manuel Beiras.

O cura das Encrobas

Moncho Valcarce, tamén coñecido como o cura das Encrobas, fíxose particularmente coñecido pola súa participación no conflito desta lugar, no que a empresa Lignitos de Meirama quería acceder ás terras do campesiñado a cambio de baixas indemnizacións. En 1977, foi detido nas manifestacións e enfrontamentos coa Garda Civil durante esta mobilización.

Porén, Valcarce xa fora apresado en 1974 durante tres días polo seu compromiso social durante o réxime franquista, e a partir dese momento intensificou máis a súa implicación na política. Tamén participou na creación de Fouce, a revista das Comisións Labregas. Por outra parte, en marzo de 1977 -o mes seguinte á súa detención no conflito das Encrobas-, converteuse formalmente en militante da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega).